O sector turístico galego prevé unha ocupación de entre o 70% e o 80% para esta Semana Santa

O sector turístico galego prevé unha ocupación de entre o 70% e o 80% para esta Semana Santa

  • Entre o xoves 28 e domingo 31 de marzo estas porcentaxes elévanse ao 90% e o 100% nalgunhas zonas.
  • O turismo rural e o Camiño de Santiago concentran a maior demanda.
  • O perfil maioritario é o do turista de proximidade pero destacan as reservas de viaxeiros procedentes de Portugal, Francia e Estados Unidos.

As previsións do sector turístico galego para esta Semana Santa apuntan uns niveis de ocupación de entre o 70% e o 80%. Son datos da sondaxe realizada polo Clúster Turismo de Galicia esta semana, na que as fontes consultadas coinciden en sinalar que a alza ou baixa destas están condicionadas polas reservas de última hora, moi habituais neste período vacacional e que dependen, en boa media, da meteoroloxía.

 

A sondaxe sinala que o máximo nivel de ocupación rexistrarase entre as xornadas do xoves 28 e o domingo 31 de marzo, nas que nalgunhas zonas prevén porcentaxes de ocupación do 95% e do 100%, como na Costa da Morte, e nalgúns concellos polos que transcorren as rutas Xacobeas. O turismo rural tamén concentra unha alta demanda para estas xornadas cunha previsión de ocupación do 80% en lugares como a Ribeira Sacra

 

En canto ao perfil de viaxeiros, en Galicia as reservas apuntan a un turista de proximidade aínda que cunha destacada presenza de turistas internacionais, procedentes principalmente de Portugal, Francia e Estados Unidos.

 

Respecto aos prezos, tenden a alza nas xornadas centrais da Semana Santa e a maioría dos aloxamentos consultados coincide nunha suba do 10%, aproximadamente, debido a que as materias primas subiron entre un 10 e un 20%.

 

Previsións por zonas

 

Respecto á previsión por zonas na cidade da Coruña prevén bos datos de ocupación para esta Semana Santa, espérase que o visitante maioritario sexa o nacional ou procedente de Portugal.

 

Na Costa da Morte espérase que se acaden cifras de ocupación superiores ao 70%, se ben tamén se prevén datos do 95% de cara a finais da Semana.

 

En Santiago de Compostela os datos apuntan a que a ocupación estará próxima ao 90%. Na capital galega destaca o peso do turista internacional con porcentaxes de ata o 65%, principalmente procedente de Portugal, Italia, Francia, Alemaña e os Estados Unidos.

 

As fontes consultadas en Ferrol auguran unha boa Semana Santa, aínda que son cautelosos cos datos debido ao impacto que adoita ter o clima nas reservas.

 

Na provincia de Pontevedra espérase acadar cifras de ocupación similares ás do pasado ano, situadas entre o 60% e 80%. Neste caso, ten un peso maior o turismo de proximidade e nacional, e o internacional está presente debido aos turistas procedentes de Portugal. En ambos casos, principalmente destacan a zona do Morrazo e a do Salnés.

 

En Ourense espéranse bos datos para esta Semana Santa e agardan incrementar as reservas de última hora se o clima acompaña, sobre todo de cara ao xoves, venres e sábado. O turista maioritario na provincia será o nacional, e o interno. En Lugo téñense boas expectativas sobre todo na zona da Mariña e en Lugo cidade.

 

Ocupación no mes de febreiro

 

Durante o segundo mes deste 2024, o turismo galego afianza a súa desestacionalización cun incremento de viaxeiros do 3%.

 

Os datos do Instituto Nacional de Estatística sinalan que en febreiro, coincidindo co Entroido, hoteis e pensións aumentaron o número de viaxeiros e melloraron a rendibilidade. Os hoteis e pensións galegos rexistraron algo máis de 202.000 viaxeiros que fixeron máis de 364.000 noites, cifras que supoñen incrementos do 3% e de case o 4% respectivamente con respecto ao ano pasado.

 

Estes datos constatan que o aloxamento hoteleiro galego rexistra tres anos consecutivos de crecemento da demanda neste segundo mes do ano e acada a segunda cifra máis elevada dos últimos ambos.

 

O 79% das noites hoteleiras corresponden ao turismo nacional. O mercado internacional consolida tres anos consecutivos de crecemento da demanda no mes de febreiro con preto de 75.000 noites, a cifra máis elevada dos últimos anos.

 

A rendibilidade subiu máis do 8% e o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais nominais de preto de 13,8 millóns de euros no mes de febreiro, cifra que supera o dato do pasado ano (nun 8,4%) así como o valor previo á pandemia.