O Club de Produto Galicia Destino Sostible suma catro novas incorporacións e supera xa a trintena de membros

O Club de Produto Galicia Destino Sostible suma catro novas incorporacións e supera xa a trintena de membros

En datas próximas lanzaranse os primeiros produtos turísticos deseñados para formar parte do club.

 

As empresas que se adhiran antes de finalizar setembro poderán optar a o programa de patrocinios que repartirá 300.000 euros en axudas.

 

O Club de Produto Galicia Destino Sostible segue crecendo e acaba de incorporar catro empresas máis, o que eleva a máis dunha trintena o número de membros desta iniciativa impulsada polo Clúster Turismo de Galicia coa colaboración da Xunta. Na reunión do comité de avaliación celebrada o pasado venres 16 de setembro acordouse aceptar as solicitudes de adhesión presentadas polos responsables de Viajes Embajador, Compostela Campers, Cámping Isla de Ons e Navieira Nabia (Navieira Illa de Ons S.L.).

 

As catro súmanse así a un cada vez máis amplo grupo de empresas no que están representadas os sectores das axencias de viaxes, a restauración, o aloxamento e a oferta turística complementaria. E ao realizar a súa incorporación antes de finalizar este mes de setembro todas elas poden optar ao programa de patrocinios co que a Xunta repartirá algo máis de 300.000 euros para o deseño e o lanzamento de novos produtos turísticos. De feito, as primeiras propostas elaboradas no marco deste programa verán a luz en datas próximas e estarán dispoñibles na páxina web de Galicia Destino Sostible.

 

O programa de patrocinios prevé a repartición de axudas a 15 axencias de viaxes maioristas, 28 axencias de viaxes  minoristas e 50 aloxamentos, restaurantes e empresas de oferta turística complementaria por un importe, respectivamente, de 3.000, 2.000 e 1.300 euros por produto. As axudas serán outorgadas por orde de solicitude unha vez que o comité de avaliación certifique que cumpren os requisitos esixidos.