O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado sábado, 15 de xuño, a convocatoria da nova liña de subvencións impulsada por Turismo de Galicia, destinada a reforzar as medidas de eficiencia enerxética nas empresas turísticas galegas. Cun investimento de 10 millóns de euros e financiada con fondos europeos, esta convocatoria estará aberta ata o 14 de novembro.
Tanto os establecementos de aloxamento como os de restauración poderán presentar as súas solicitudes para beneficiarse destas axudas. A convocatoria é de concorrencia non competitiva. A intensidade da axuda será, en xeral, de ata o 70% do custo total subvencionable do proxecto. Con todo, esta cifra poderá aumentar ao 80% ou mesmo ao 90% se se logran acreditar aforros de enerxía primaria non renovable do 20% ou 30%.
As axudas cubrirán unha ampla gama de melloras en eficiencia enerxética. Entre as accións subvencionables inclúense: mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica; mellora da eficiencia enerxética e uso de enerxías renovables en instalacións térmicas; instalacións fotovoltaicas para autoconsumo; mellora da eficiencia enerxética en instalacións de iluminación; renovación de electrodomésticos; sistemas de automatización e control da enerxía.
Esta convocatoria introduce varias melloras e flexibilidade nas condicións para facilitar a participación dun maior número de empresas. Entre estas melloras destácase a inclusión dos establecementos de restauración como posibles beneficiarios, a posibilidade de rehabilitar enerxeticamente partes do edificio e non só edificios completos, a eliminación da antigüidade mínima dos edificios para rehabilitar e a ausencia dunha esixencia mínima de aforro enerxético.
Os gastos subvencionables deberán ser realizados antes de abril de 2025, o que brinda ás empresas turísticas galegas unha oportunidade significativa para actualizar as súas instalacións e adoptar prácticas máis sostibles e eficientes. A tramitación pódese realizar a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, código de procedemento TU986B.