Os Ancares Lucenses reciben a certificación de destino Starlight

  • A certificación de destino Starlight ten por obxecto protexer a saúde ambiental das paisaxes nocturnas e empregalas como reclamo turístico

 

A Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses, e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá recibe a certificación de Destino Turístico Starlight. Trátase dun recoñecemento que ten por obxecto protexer a saúde ambiental das paisaxes nocturnas e empregalas como reclamo turístico. Este sistema de certificación está apoiado pola UNESCO, a Organización Mundial do Turismo (UNWTO) e a Unión Astronómica Internacional (IAU). Coa nova incorporación dos Ancares Lucenses, Galicia conta xa con 7 destinos Starlight.

 

A deputada de Promoción do Territorio e Turismo de Lugo, Pilar García Porto, valorou que a “distinción axudará a que continuemos a afondar no modelo turístico sostible, nun territorio no que estas iniciativas son fundamentais para fixar poboación”. A Deputación, que xa investiu 1 millón de euros de fondos europeos para mellorar a reserva de biosfera, explica que o seguinte paso será poñer en marcha unha mesa de traballo para abordar actuacións de carácter astronómico necesarias para adecuar as fontes de luz e impulsar servizos e recursos especializados.

 

España conta con máis de 60 Destinos Turísticos Starlight, 7 deles situados en Galicia. O dos Ancares é o segundo da provincia de Lugo, trala distinción do concello de Muras desde finais de 2020. Outros dos lugares certificados para o turismo de estrelas en Galicia son o Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia, a Costa da Morte, Trevinca, Muras, Lalín e a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas.