Os datos publicados a semana pasada polo Instituto Nacional de Estatística (INE) confirman a solidez do turismo en Galicia durante o primeiro semestre de 2025. En total, 2.967.407 persoas visitaron a comunidade entre xaneiro e xuño, o que supón un incremento do 4,5% respecto ao mesmo período do ano anterior. As pernoitas tamén medraron un 3,8%, alcanzando un total de 4.961.113 noites en establecementos turísticos. Estes datos tradúcense en 165 M€ de ingresos no sector.
Outro indicador destacado é o crecemento do turismo internacional, que representa xa o 39,6% do total e aumenta un 5,5% respecto a 2024. Os principais mercados seguen a ser o nacional (que supón o 57,6% entre turismo interno e do resto do Estado) e países europeos clave como Reino Unido, Alemaña e Francia.
Neste sentido, o comportamento dos meses tradicionalmente menos concorridos reflicte un cambio estrutural: cada vez máis persoas escollen Galicia fóra do verán, grazas á autenticidade do destino, a súa natureza, e a súa oferta cultural e gastronómica.
Estes datos foron presentados polo director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, durante o acto de entrega do distintivo Galicia Calidade ao Gran Talaso Hotel Sanxenxo. O establecemento converteuse no único talaso galego que ostenta este selo, sumándose á rede de balnearios Caldaria que xa contan coa certificación.
No evento participaron o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, os que puxeron en valor o compromiso do hotel coa excelencia e a calidade.
Ata o momento, Galicia Calidade certifica a máis de 170 empresas e máis de 880 produtos e servizos, entre eles 52 vinculados ao turismo, con representación no sector hoteleiro, a restauración, o turismo rural e o lecer náutico.