As directoras de Patrimonio Natural e de Turismo de Galicia mantiveron un encontro con profesionais do sector turístico e representantes de axencias de viaxes co fin de coñecer as súas impresións sobre o novo sistema de acceso ás Illas Cíes e analizar as novidades introducidas para poder visitar o parque. A principal novidade consiste no deber por parte dos viaxeiros de obter unha autorización previa de acceso, de carácter persoal e intransferible, a través da páxina web autorizacionillasatlanticas.xunta.gal, habilitada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O novo sistema, que leva unha semana operativo e a través do cal xa se emitiron máis de 1.500 autorizacións, é moi similar ao implantado desde o ano 2015 para acceder á Praia dás Catedrais.
Durante a próxima Semana Santa, coincidindo coa primeira fase de implantación do sistema, sector e administración colaborarán en dar a coñecer o novo sistema de acceso, polo que os profesionais aproveitaron a xornada para resolver dúbidas técnicas sobre a web. Unha vez obtida a autorización preceptiva, o visitante poderá descargala no seu dispositivo móbil ou ben imprimila para a súa posterior comprobación en porto por parte do persoal do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas.
Información e resolución do usuario
De feito, paralelamente tamén entrará en funcionamento un mecanismo de lectura e control dos códigos QR que levan inseridos todas as autorizacións e que estará enlazado coa web en tempo real. Isto permitirá ao persoal do parque despregado tanto nos portos de Vigo, Baiona e Cangas como no de Rodas, en Cíes, comprobar a validez das autorizacións dos pasaxeiros. Cabe destacar que nestes primeiros emprazamentos citados tamén se instalaron expositores informativos atendidos por pesronal do Parque Nacional para explicar o novo sistema de acceso para visitar as Cíes.
As empresas de transporte, pola súa banda, empregarán un sistema similar ao de anos anteriores para comprobar a dispoñibilidade da cota diaria para visitar as Cíes antes de proceder a emitir os billetes.