Desde o Clúster Turismo de Galicia lembramos que segue aberto o prazo para solicitar as axudas extraordinarias do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) dirixidas a establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís danados polos incendios forestais deste verán. A convocatoria finalizará o vindeiro martes, 30 de setembro de 2025, ás 23:59 horas.
Estas achegas cobren reparacións ou reposicións en edificacións, instalacións, maquinaria, mercadorías e vehículos vinculados á actividade. O importe máximo establecido é de 600.000 euros por beneficiario, ampliable a 1,5 millóns en casos excepcionais nos que se acredite un forte impacto socioeconómico ou a necesidade de manter emprego.
As solicitudes deben presentarse de maneira telemática a través da sede electrónica (código de procedemento IG100A). Poden optar tanto persoas físicas como xurídicas titulares de negocios nas zonas afectadas, coa excepción das explotacións agrícolas, gandeiras ou forestais.
Trátase de axudas complementarias a outras indemnizacións xa existentes, co obxectivo de cubrir o 100% dos danos certificados. O pagamento realizarase nun único pago mediante transferencia bancaria tras a resolución favorable.