Turismo rural e sabores para gozar dun novo Outono Gastronómico

Un total de 73 establecementos das catro provincias galegas tomarán parte no programa.

 

O presidente do Clúster participou na presentación da 16 edición desta iniciativa impulsada por Turismo de Galicia.

 

A campaña desenvolverase do 16 de setembro ao 18 de decembro.

 

O cambio de estación está xa ao virar a esquina e unha vez que o verán quede atrás será o momento de maridar un ano máis o turismo rural cos mellores sabores de Galicia. Farao posible de novo o Outono Gastronómico, un veterano programa impulsado pola Xunta de Galicia coa colaboración do sector e que suma xa 16 edicións. A deste ano desenvolverase entre o 16 de setembro e o 18 de decembro, tal como detallou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na presentación oficial do programa. Xunto a ela estivo o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, así como o presidente da Federación Galega de Turismo Rural (Fegatur), Francisco Xabier Almuíña Chorén.

 

Un total de 73 establecementos de toda Galicia participarán neste Outono Gastronómico: 22 da Coruña, 19 de Lugo, 17 de Ourense e 15 de Pontevedra. Entre todos poñerán ao alcance de parellas, familias, amigos ou persoas de forma individual unha ampla oferta de propostas para gozar da mellor gastronomía galega e dos viños das cinco denominacións de orixe. O Paquete Outono Gastronómico (menú e unha noite de aloxamento), a Fin de Semana Gastronómica (dous menús e dúas noites de aloxamento), a Fin de Semana Familiar Outono Gastronómico con 1 neno ou con 2 nenos (dous menús para adultos, menús infantís e dúas noites de aloxamento), o Outono Plus (con actividades complementarias como paseos dacabalo, canoa ou sendeirismo) e o Menú Outono Gastronómico son as distintas opcións ao alcance dos usuarios.

 

Máis de 77.000 persoas gozaron xa dos beneficios desta campaña nas súas anteriores edicións e a intención dos seus responsables é que nesta nova convocatoria a resposta do público volva ser moi positiva. Para contribuír a iso, un autobús promocional percorrerá as principais cidades de Galicia dando a coñecer o Outono Gastronómico e sorteando diversos premios.

 

Toda a información sobre a campaña, os establecementos participantes e as súas propostas está xa dispoñible na seguinte ligazón: https://www.turismo.gal/osdam/filestore/7/7/6/5/2_48520285bfabbf8/77652_4e06953400fb5a2.pdf