Turismo de Galicia reforza a sinalización ecuestre do Camiño Mozárabe

O Camiño Mozárabe ao seu paso por San Cristovo de Cea estreou sinalización para a súa ruta ecuestre, unha tarefa que contou coa colaboración para a súa homologación da Real Federación Hípica Española. A acción vén completar a sinalización preexistente, co obxectivo de informar sobre puntos conflitivos para o paso de cabalos e das derivacións propostas para salvar os mesmos. Con estes traballos acometidos por Turismo de Galicia, o Camiño Mozárabe será a primeira ruta que se homologará como itinerario ecuestre en Galicia, anunciou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que sinalou que as obras levaron consigo un investimento de máis de 48.000 euros.

A sinalización inclúe marcado da sinalización horizontal e na instalación dos elementos de sinalización vertical -postes de dirección e localización, postes de seguimento e paneis informativos-.
O itinerario ecuestre proposto ten unha lonxitude total de 236,6 km e atravesa as provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña, desde o municipio da Mezquita até Santiago de Compostela, solapándose coa actual Vía da Prata.
Nava Castro manifestou que con esta iniciativa cúmprese outra das actuacións previstas no Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago. “Sen dúbida, un gran reclamo para todos aqueles amantes dos cabalos e do mundo ecuestre que terán a oportunidade de facer esta vertente mozárabe do Camiño de Santiago con total facilidade e seguridade”, concluíu.