A Xunta de Galicia lanza un novo programa de formación en liña dirixido ao sector turístico. Nesta ocasión, o obxectivo é dar a coñecer a utilidade de distintas ferramentas de intelixencia artificial no eido turístico, mellorando a súa xestión e a venda dos seus produtos e servizos.
O programa formativo, titulado “Descobre o poder da Intelixencia Artificial (IA) na empresa turística de Galicia”, terá 21 horas de duración repartidas en sete sesións de tres horas cada unha. A primeira desenvolverase este mesmo mércores, 13 de marzo.
O programa dispón dun total de 100 prazas, dirixidas a emprendedores, directivos ou xefes de departamento de empresas do sector turístico galego (axencias, aloxamentos…). As inscricións permanecen abertas a través da páxina web de Turismo de Galicia.
O programa centrarase no novo universo que nace da man da intelixencia artificial enfocado desde a perspectiva da empresa turística. Analizarase como a Intelixencia Artificial, incluídas as ferramentas avanzadas como ChatGPT de OpenAI e as solucións de Google IA, poden ser catalizadores de innovación e eficiencia na xestión turística.