Turismo de Galicia activa axudas para compensar as perdas por cancelacións en establecementos afectados polos incendios

Turismo de Galicia activa axudas para compensar as perdas por cancelacións en establecementos afectados polos incendios

  • A convocatoria, de concorrencia non competitiva, cubrirá as perdas de facturación entre o 28 de xullo e o 31 de agosto de 2025.

 

A Axencia Turismo de Galicia vén de activar unha nova liña de subvencións destinadas a compensar as perdas ocasionadas polas cancelacións de reservas nos establecementos de aloxamento turístico afectados polos incendios forestais do verán de 2025. Estas axudas tramítanse baixo o código de procedemento TU100C e concédense en réxime de concorrencia non competitiva.

 

O obxectivo principal é reparar o impacto económico sufrido por hoteis, casas rurais, apartamentos turísticos, campamentos e albergues situados nos concellos que estiveron en situación 2 do Plan de Emerxencias por Incendios Forestais de Galicia (Peifoga). Poderán acollerse aquelas empresas que acrediten perdas de facturación entre o 28 de xullo e o 31 de agosto de 2025 derivadas de cancelacións confirmadas durante ese período.

 

  • Prazo de solicitude e tramitación

 

O prazo de presentación das solicitudes permanecerá aberto do 24 de outubro ás 08:00 h ata o 24 de novembro de 2025 ás 23:59 h. As solicitudes deberán formalizarse de maneira telemática a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, introducindo o código do procedemento TU100C no buscador.

 

Estas subvencións forman parte do paquete de medidas impulsadas pola Xunta de Galicia para reactivar o sector turístico e apoiar ás empresas afectadas polos incendios, xunto con programas de promoción e incentivos á demanda en destinos afectados.

 

Para obter máis información, as persoas interesadas poden contactar co servizo de fomento da Axencia Turismo de Galicia no correo fomento.turismo@xunta.gal ou nos teléfonos 981 54 63 63 e 981 54 63 60.