Do 5 ao 8 de xuño, o Recinto Feiral Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda (Pontevedra), volverá ser o escenario de dúas das citas máis relevantes do calendario turístico galego: Turexpo Galicia e Festur. Celebraranse de forma simultánea coa 47ª edición da Semana Verde de Galicia, un evento multisectorial que no 2024 congregou a máis de 84.000 visitantes, consolidando esta cita como unha das máis importantes do noroeste peninsular.
Na súa 14ª edición, Turexpo Galicia regresa cunha programación renovada que busca seguir a impulsar o turismo na comunidade, mentres que Festur, na súa 11ª convocatoria, poñerá en valor o peso cultural e económico das festas galegas de interese turístico, que cada ano atraen a miles de visitantes a pobos e cidades de toda a comunidade.
Un dos grandes focos de atracción será de novo a Bolsa de Contratación Turística, un espazo clave de encontros profesionais que na súa edición anterior bateu récords: 2.300 reunións B2B con 33 operadores turísticos procedentes de 11 países. Para este ano, a organización traballa en ampliar a presenza internacional e nacional, reforzando así o posicionamento de Galicia como destino estratéxico nos mercados turísticos.
A celebración conxunta con Festur engade un compoñente diferencial, ao destacar a diversidade cultural e a riqueza festiva de Galicia, elementos clave no seu atractivo turístico. As festas de interese turístico, xunto co patrimonio natural, a gastronomía e a hospitalidade das súas xentes, consolidan a Galicia como un destino cada vez máis valorado polo visitante nacional e internacional.
Como cada ano, o Clúster Turismo de Galicia estará presente cunha caseta propia no espazo de Turismo de Galicia, desde onde promocionará a oferta turística galega e marcas turísticas como ‘Galicia Destino Sostible’.