A novena edición dos Trens Turísticos de Galicia prevé 37 saídas entre os meses de xuño e outubro.
O tren volverá ser o próximo verán un medio de transporte ideal para descubrir Galicia e gozar da oferta turística da comunidade. A Xunta de Galicia, Renfe e a Deputación de Ourense xuntaron forzas para poñer en marcha a novena edición dos Trens Turísticos de Galicia, unha iniciativa que se desenvolverá entre os meses de xuño e outubro, segundo desvelaron os representantes das tres institucións na pasada edición de Fitur.
Os protocolos anticovid cos que se desenvolveu a iniciativa o ano pasado, unha vez recuperada tras o parón do 2020, servíronlle para gañarse a confianza do público e lograr unha ocupación dos trens de case o 100 %. Esa confianza unida á mellora da situación da pandemia e aos atractivos dos itinerarios deseñados volverán ser os puntos fortes dunha convocatoria exposta coa previsión de recuperar o número de viaxeiros e de pasaxeiros previo á covid.
Os itinerarios deseñados aumentan dos 11 do ano pasado a 13 e permitirán descubrir lugares e destinos emblemáticos de Galicia como faros, pazos, xardíns históricos, mosteiros, a ruta da lamprea, distintos itinerarios do Camiño de Santiago e as zonas das cinco denominacións de orixe vitivinícolas. Ademais, nesta edición súmanse a Ruta das Mariñas por Betanzos, Pontedeume e Ferrol, e a Ruta dos Queixos entre A Coruña e Teixeiro. Tamén aumentarán o número de saídas previstas, que pasará das 22 do ano pasado a un total 37 saídas durante o verán do 2022.