Avanza a reactivación do Camiño de Santiago e unha das primeiras medidas palpables será a reapertura coordinada dos albergues públicos da Xunta de Galicia, a Oficina do Peregrino e a Catedral de Santiago, que terán lugar o próximo 1 de xullo. Trátase dunha das medidas tomadas no marco da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021, onde a Xunta de Galicia, a Igrexa compostelá e o Concello de Santiago acordaron establecer unha data común para esta apertura, no marco do programa “Camiño Seguro”, co que se quere dar seguridade tanto aos peregrinos como ás empresas e concello vinculados ao Camiño.
Co fin precisamente, a Xunta ten en marcha iniciativas, tanto de formación como de financiamento, para acompañar no proceso de adaptación ao novo escenario, especialmente dirixidas aos albergues e empresas vinculadas, neste proceso de retorno gradual á actividade. Neste sentido, desde a Xunta asegurou que ?queremos que os peregrinos poidan volver pronto ao Camiño de Santiago?, ?pero a prioridade absoluta é garantir a seguridade para os que percorren a ruta, e para os profesionais ou voluntarios que están presentes no seu día a día?, polo que confirmou que os albergues da rede pública cuxa xestión dependa exclusivamente do Goberno autonómico abrirán de maneira gradual, en función da oferta de prazas de aloxamento totais nos albergues de cada concello, unha medida que foi suxerida desde os propios albergues.
Seguridade sanitaria
No que se refire ao programa Camiño Seguro, cuxo obxectivo é a coordinación entre os organismos xestores e axentes presentes na ruta?, Román Rodríguez sinalou que o manual preventivo para o Camiño esta practicamente terminado, a falta da súa validación definitiva por parte das autoridades sanitarias. Elaborado en coordinación co Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), servirá como protocolo integral de actuación nos itinerarios xacobeos, agrupando nun único documento medidas e recomendacións nos diferentes servizos e infraestruturas que o peregrino atopa ao longo do Camiño. Este documento, desenvolvido a iniciativa de Galicia, foi xa posto a disposición do resto de comunidades autónomas no Consello Xacobeo.
Formación e axudas directas
Entre as medidas de camiño Seguro, Román Rodríguez referiuse tamén aos cursos en liña de formación en materia de seguridade hixiénico-sanitaria dirixido a traballadores de albergues, que comezaron a impartirse cunha oferta inicial de 500 prazas.
Igualmente lembrou a convocatoria de axudas directas, por valor de 6 millóns de euros para que o sector turístico e da restauración poida adaptar os seus negocios, unha liña que tamén está aberta para os establecementos do Camiño. Estes teñen a súa disposición o servizo de asesoramento a través do teléfono gratuíto 900 815 334 e o correo electrónico a info-galiciadestinoseguro@xunta.gal, para resolver dúbidas de seguridade sanitaria.