A primeira vía verde da provincia da Coruña, que conectará os municipios de Santiago e Cerceda cun sendeiro de 36,5 quilómetros sobre as antigas vías do ferrocarril será realidade grazas ós 1,86 millóns de euros de fondos FEDER que ven de recibir a Deputación da Coruña, destinados a proxectos que fomenten a mobilidade sostible e a economía baixa en carbono.
Así o comunicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, durante a reunión que mantivo cos alcaldes dos cinco concellos implicados no proxecto. Pola súa parte a Deputación achegará 535.129,26 euros “para facer realidade un proxecto ambicioso e tecnicamente complexo: a construción da primeira vía verde da provincia e a de maior lonxitude de Galicia.” A vía acadará os 36,5 quilómetros, dos que 13 corresponden a Santiago de Compostela, 7,19 a Oroso, 8,3 a Ordes, 2,48 a Tordoia e 5,5 a Cerceda. Valentín González Formoso destacou a “importante repercusión turística e socioeconómica que terá para os cinco concellos a construción da Vía Verde”.
Esta vía poderá ser aproveitada polos peregrinos da ruta xacobea Santiago- Coruña-Fisterra, atravesando espazos de gran interese medioambiental, histórico e cultural.
O Programa Vías Verdes, coordinado pola Fundación de los Ferrocarriles Españoles promove a conversión de infraestructuras ferroviarias en desuso en itinerarios cicloturistas e sendeiristas. En España, existen máis de 120 itinerarios e 2.700 kilómetros que xa foron convertidos. Na nosa comunidades só existe unha entre Asturias e Galicia, o trazado dun antigo mineiro entre os bosques xunto ó Río Eo.
Novos sendeiros turísticos para A Coruña
Ademáis, Deputación da Coruña e Concello de Mazaricos estudan o proxecto que completará a rede de sendas e entrelazaraas coas xa existentes no municipio, unha nova proposta que incluirá un trazado que unirá Pino de Val coa Insua e contempla as sendas das fervenzas e Monte Pindo-Ponche de Brandomil.
O obxectivo desta iniciativa é tamén enlazar o Camiño de Santiago e a Vía Mariana coas distintas sendas que percorren os concellos implicados.