Sete asociacións empresariais demandan que se teñan en conta as particularidades do sector, con moitas incertezas en canto ao regreso á actividade
Propoñen un paquete de medidas e unha estratexia conxunta para o mantemento do tecido empresarial e os postos de traballo

Axilización dos ERTEs por forza maior e anulación da obrigatoriedade de recuperar aos traballadores tras o fin do Estado de Alarma se iso non implica autorización para a celebración de congresos e eventos; inclusión de todos os subsectores do turismo MICE nas causas de forza maior; e solicitude de ampliación de fondos e axilización dos préstamos ICO e IGAPE, son algunhas das demandas que o sector MICE presentou a Turismo de Galicia, coa
petición de que se apoien e defendan ante as administracións autonómica e nacional.

No documento, asinado polo sete asociacións empresariais englobadas na marca Galicia MICEOPC Galicia, Asociación de Palacios de Congresos de Galicia, Asociación Galega de Feiras e Eventos, Asociación Empresarial Hospedaxe da Coruña HOSPECO, Asociación de Empresarios de Hospedaxe da Provincia de Pontevedra ASEHOSPO, Unión Hostaleira Compostela, Hostalaría Compostela e a Asociación Provincial de Empresarios de Restauración e Hospedaxe de Santiago– destácase o apoio incondicional á xestión da crise sanitaria e o firme compromiso das empresas co mantemento da actividade e de todos os postos de traballo pero, destacan, “a imposibilidade total de facelo ata que non se autorice a realización de congresos, reunións e eventos”.

As empresas cuxa principal actividade económica é o turismo MICE “non poderán recuperar ao seu persoal ata que se autorice a realización de eventos. Non ter en conta estas circunstancias tras o levantamento do Estado de Alarma levaría ao peche á maioría das empresas”, advírtese. O documento lembra que a actividade congresual foi xa suspendida con anterioridade á declaración do Estado de Alarma e que será, con moi alta probabilidade, unha das últimas en autorizarse. O mantemento das empresas e os postos de traballo pasa necesariamente pola adopción de medidas de apoio e un programa de reconstrución no
que se ofrecen a colaborar sen condicións.

Propostas no ámbito laboral e fiscal
No ámbito laboral, o sector MICE galego avoga por incluír nos ERTEs por forza maior a todos os subsectores vinculados, tales como hoteis, recintos feirais, empresas de servizos audiovisuais, deseño, montaxe, turismo activo, guías, tradutores ou azafatas. Pídese tamén axilidade nos préstamos, condonación das cotas de autónomos mentres non se recupere a actividade ou redución ao 10% do IVE das cotas de inscrición en eventos durante o primeiro ano tras a recuperación da actividade. Sen medidas firmes, afirman as organizacións, será practicamente imposible dar continuidade á actividade do tecido empresarial MICE, formado na súa gran maioría por PEMES e autónomos.

O documento inclúe ademais unha serie de propostas para o mantemento da actividade e a súa recuperación. Solicitan da Xunta e todas as institucións galegas que os eventos previstos non se cancelen, senón que se apracen, e comprométanse a contratalos a empresas da Comunidade, que demostraron sobradamente a súa profesionalidade ao longo dos anos. Proponse ademais medidas como que a Xunta de Galicia negocie un acordo marco coas empresas de transporte (aerolíneas, ferrocarril e estrada) que garanta a recuperación das frecuencias e o mantemento ou mesmo redución dos prezos, para facilitar os desprazamentos á nosa Comunidade.

As empresas e colectivos MICE de España e Galicia constituíron xa grupos de traballo para abordar estratexias para o regreso á normalidade, como a redacción dun documento de seguridade e boas prácticas sanitarias a observar durante o desenvolvemento de eventos de máis de vinte persoas. A este respecto, Galicia MICE solicita das administracións que prevexan proporcionar o material sanitario de protección que seguramente será perceptivo para a recuperación da actividade, tendo en conta o absoluto compromiso do sector coa seguridade e a saúde tanto dos traballadores como dos asistentes.

Eventos a distancia e campañas de promoción como destino MICE
Os asinantes consideran que a estratexia a curto prazo pasa necesariamente por reinventarse e ofrecer Galicia como destino MICE virtual. Propoñen para iso a creación de ferramentas que faciliten os eventos a distancia, como sería a habilitación de “un centro de reunións que, a modo de estudio, poida ser utilizado polo conxunto do sector MICE de Galicia”. Trátase de construír un espazo dotado coas ferramentas físicas e tecnolóxicas básicas, no que se poidan reproducir os escenarios habituais de reunións e congresos, e que sirva ao conxunto do sector como sede virtual de congresos e reunións.

“Dispor deste espazo de modo rápido permitiríanos situarnos como destino MICE virtual diferenciado, seguir captando congresos e reunións, e proporcionar unha alternativa viable á cancelación dos eventos programados para 2020 e inicios de 2021”, afirman as asociacións. Reforzar e realizar campañas de posicionamento do portal web de Galicia MICE e incluír o sector nas campañas de promoción de Galicia como destino turístico, son outras das accións que propoñen. Para o novo inicio, afirman, é de esperar que tanto organizadores como asistentes comecen por programar eventos non moi numerosos e en destinos fáciles e pequenos. “Estamos convencidos de que cidades pequenas, amables e non masificadas axudarán á activación da confianza, e niso en Galicia somos fortes”.

“Contamos con cidades perfectamente preparadas, equipadas con espazos e sedes modernas, con hoteis de categoría e con empresas e profesionais solventes para desenvolver calquera tipo de evento. Temos ademais espazos rurais non masificados que fomentan a integración na natureza e o Camiño de Santiago como referencia líder do noso destino no ano 2021”, destácase.

16 de Abril de 2020

O sector MICE galego insta á Xunta a adoptar medidas para a reactivación do turismo de eventos e congresos

Sete asociacións empresariais demandan que se teñan en conta as particularidades do sector, con moitas incertezas en canto ao regreso á actividade Propoñen un paquete de […]