Co obxectivo de dinamizar enoturísticamente o territorio que abarca a Ruta do Viño do Ribeiro e potencialo como destino enoturístico de calidade, a ruta presentou un estudo que se atopa no “Documento socioeconómico e estratéxico da Denominación de Orixe Ribeiro” elaborado por un equipo de doce expertos pertencentes ao tres universidades galegas. O traballo, financiado pola Deputación Provincial de Ourense, contou cun orzamento de 41.500 euros e estivo liderado por María del Mar Pérez Fra, Doutora en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela e profesora no Departamento de Economía Aplicada desa mesma universidade.
Segundo o traballo a estratexia de potenciación do Ribeiro como destino enoturístico debería pivotar sobre a Asociación Ruta do Viño do Ribeiro con catro grandes eixos: a consolidación do produto enoturístico; un incremento dos socios da Ruta e os seus recursos; unha mellora da promoción e comercialización e a cooperación con outros axentes, institucionais ou non. O traballo tamén analiza as fortalezas coa que conta este territorio, que presenta unhas condicións óptimas para o desenvolvemento dun produto enoturístico de calidade xa que posúe unha forte identidade territorial construída ao redor do viño que, ao tempo, é rica tanto en patrimonio como en recursos termais.
O informe destaca tambié que o enoturismo é unha actividade en constante crecemento en España, onde os ingresos xerados en base a visitas a adegas e museos veñen ascendendo de forma continua. No caso do Ribeiro, no período 2008/2018 pasaron polo territorio preto de 100.000 persoas, concretamente 97.361 persoas, con marcadas taxas de incremento a partir do 2012 que alcanzaron o mellor dato en 2018, cando os visitantes chegaron aos 13.343.
Os resultados do estudo
A análise realizada mostra que Ribeiro cumpre cun dos alicerces nos que se sustenta o enoturismo; a cultura do viño debe ser o eixo central da oferta turística pero este eixo ten que transcender á actividade produtiva para ser o elemento que dá sentido a outros servizos como a gastronomía, o patrimonio, a historia e tradicións que permiten a construción dun produto turístico completo e atractivo. O estudo destaca tamén como fortalezas contar coa propia asociación da Ruta do Viño e coa Denominación de Orixe vitivinícola máis antiga de Galicia, e unha das primeiras de España, que fan que o viño actúe como reclamo turístico de primeira orde.
Unha estratexia para potenciar o Ribeiro como destino enoturístico de calidade.
Co informe sobre a mesa o presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan Casares, apuntou que “o estudo ratifica o traballo que se está desenvolvendo durante estes dous últimos anos na Ruta do Viño do Ribeiro; unha acción baseada na cooperación con outras entidades, a captación de socios e de financiamento e un abanico de actividades promocionais do territorio”.
Neste sentido Casares anunciou que a estratexia enoturística da Ruta do Viño do Ribeiro desenvolverase, nunha primeira fase 2020/21, e abarcará catro alicerces fundamentais: cooperación, crecemento, promoción e infraestruturas.
A principal iniciativa en marcha, e que se verá potenciada a partir deste estudo, é o rexistro e desenvolvemento da marca enoturística “O Camiño do viño. Ruta do Viño do Ribeiro” mediante “un apoio decidido á declaración do Camiño Ribeiro Miñoto como traxecto oficial de peregrinación e a potenciación do Camiño dos Arrieiros como camiño para andainas e tempo de lecer”. “Ao redor desta marca seguiremos facendo pivotar todas as nosas accións de promoción do territorio e os seus recursos. Xunto á organización de misións de promoción para xornalistas e blogguers, este ano temos como reto traer axencias de operadores turísticos para que coñezan e valoren as nosas potencialidades con motivo de que insiran ao Ribeiro dentro dos seus destinos. Ao mesmo tempo desenvolveremos unha campaña de promoción do enoturismo do Ribeiro centrados en tres cidades galegas moi vinculadas historicamente a esta enocomarca: Ourense, Vigo e Santiago”.
Así mesmo,”faremos unha aposta forte por aumentar o noso número de socios, e por tanto a nosa capacidade financeira, traballando sobre dous colectivos principais: máis adegas e máis concellos”. Finalmente, no campo da cooperación, Juan Casares márcase como reto “seguir adiante coa alianza establecida coa Deputación Provincial de Ourense; o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e o Geodestino O Ribeiro-Carballiño que a nivel promocional xa nos deu bos froitos o pasado ano”.