As actividades propostas por concellos, empresas ou particulares difunden os valores do Camiño a través da arte, a música ou eventos sociais e culturais
Baixo o nome de “O Teu Xacobeo” celébranse en Galicia máis de 350 iniciativas de dinamización vencelladas co Xacobeo como antesala do próximo Ano Santo e que busca favorecer a participación e a descentralización do vindeiro Xacobeo 21. Máis dun cento delas espallaranse ata o remate de verán pola xeografía galega.
En conxunto, as propostas reflicten unha grande variedade de audiencias (publico xeral, mocidade, infancia, colectivos que precisan visibilidade, etc) e de temáticas (eventos sociais, culturais, deportivos ou que potencian a riqueza patrimonial). Un dos obxectivos do programa é que chegue ao maior número de concellos galegos, con especial atención aos máis pequenos, e que teña en conta os diferentes Camiños, que abranguen máis de 1.500 quilómetros en toda a nosa Comunidade, especialmente en municipios do rural.
En canto ás actividades dos concellos, ademáis das visitas teatralizadas (como é o caso de Padrón, Valdoviño, A Pobra do Caramiñal ou Boborás, entre outros) destacan as proxeccións ao aire libre como a que terá lugar na Pobra do Brollón; aplicacións de realidade aumentada, como a proposta do Concello da Fonsagrada; seminarios internacionais como o que organiza Catoira; divulgación científica na Veiga co seu proxecto Trevinca: o camiño as estrelas, ou andainas para escolares no Rosal e Lalín.
Estas actividades combinaranse con propostas gastronómicas, xornadas de convivencia entre peregrinos e veciños, accións sustentables ou que reforcen o compromiso do Camiño coa seguridade das mulleres que o fan soas, unha proposta impulsada polo Concello de Ribadeo .
En canto aos proxectos presentados por empresas galegas e entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro, destacan propostas para os máis pequenos como a creación das credenciais Pequegrino, para potenciar o Camiño Portugués ao seu paso pola localidade de Tui. Tamén o Peregrinamente, co impulso dos Camiños Francés, Primitivo, do Norte e de Inverno cunha aplicación ao estilo Trivial para os escolares, ou rutas a cabalo ou en patíns pola zona da Guarda.
No eido audiovisual, a mocidade pode participar este verán na realización dun vídeo Your own way, mentres que na comarca de Ferrolterra, O teu Xacobeo convoca unha peregrinación para milleiros de escolares da zona. Outro dos proxectos para o público máis cativo é o Camiño Portugués para nenos e nenas que conta con profesionais de distintos ámbitos (pintores, fotógrafos, etc) cos que os máis pequenos traballarán o Camiño.
Actividades dirixidas a diferentes colectivos
En canto a termos de inclusión de todos os colectivos que forman parte da sociedade galega O teu Xacobeo financia propostas como a da Fundación Menela, que organiza sete etapas do Camiño da Costa que gozarán unha vintena de adultos con TEA, mentres que a Asociación Bata fai o mesmo pero desde A Fonsagrada, O Cebreiro e Tui, coa axuda da aplicación Applicae no Camiño, para axudar ás persoas con espectro autista. Tamén Down Lugo impulsa experiencias no Camiño este verán.
Dentro da programación musical de O teu Xacobeo destaca o Festivaliño on the road, unha caravana con actividades para os máis pequenos que percorre durante 40 xornadas diferentes localidades galegas ou o Barbeira Fest de Baiona, co impulso da música feita en Galicia. Pola súa parte, o Festival Fisterra Film, no Semáforo de Fisterra, contará con artistas representativos dos Camiños Francés, Portugués e a Vía da Prata. O violoncello de Marc Coppey en Músicas no Camiño tamén forma parte da programación de verán ou Efecto Badalada, que se desenvolve en Guitiriz, Fisterra, Muxía, Chantada e Laza.
O teu Xacobeo tamén dá conta de moitas accións vinculadas ao teatro. Desde as visitas teatralizadas impulsadas polos concellos ata representacións como as de A Barraca Camiño a Compostela de Títeres Cachirulo, que vai facendo parada por 14 localidades do Camiño Francés ata chegar a Compostela, contando as aventuras das personaxes máis coñecidas e peregrinos máis salientables.
No eido deportivo a Xunta impulará a Costa Atlántica MTB tour que partirá de Bueu e discorrerá por toda a provincia de Pontevedra, ademais dunha proba deportiva automobilística en torno ao Xacobeo e o Campionato de Europa xuvenil de 420 e 470.
A espiritualidade tamén é unha temática desta programación, con encontros para reflexionar. É o caso de accións como Non só camiñamos, gozamos ou a que se desenvolverá na Illa de San Simón, Camiño cara a illa interior, centrado no Camiño como experiencia para a introspección, con actividades para pór en valor o patrimonio desa zona.
Enogastronomía
O patrimonio enogastronómico do Camiño concentra accións tan sobresaíntes como o proxecto Compostelata, impulsado por Anfaco-Cecopesca, no que os camiñantes selarán unha acreditación en distintas localidades do Camiño Francés onde se degustarán produtos en conserva galegos. A gastronomía tamén é a base para o proxecto que pretende impulsar a dieta atlántica vinculada aos itinerarios xacobeos (Camiño pola Costa).