Novo produto turístico para o Salnés, a Ruta do Pai Sarmiento

Novo produto turístico para o Salnés, a Ruta do Pai Sarmiento

Froito da cooperación interadministrativa e do recente convenio asinado entre Turismo de Galicia e a Mancomunidade do Salnés, este territorio conta xa cun novo produto turístico, a Ruta do Pai Sarmiento, un itinerario que nace co obxectivo de recuperar e dar a coñecer o trazado realizado por Frei Martín Sarmiento nesta zona en 1745 e do que dió conta na súa obra “Viaxe a Galicia”.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a importancia de contar con novos recursos que ofrezan un motivo máis para visitar esta comarca, que conta cunha enorme riqueza en canto a recursos turísticos refírese (museos, praias, oferta gastronómica, xacementos ou espazos singulares como o Complexo Intermareal Umia-Grove, etc.).

Os responsables da Mancomunidade, pola súa banda, anunciaron que o obxectivo da ruta, que previsiblemente estará en marcha a partir de xuño, é pór en valor a figura deste gran ilustrado galego ofrecendo, ao mesmo tempo, unha alternativa ao Camiño de Sntiago e ao turismo da zona. A Ruta do Pai Sarmiento percorre a costa entre Pontevedra e Padrón, onde se comunica co Camiño Portugués, uníndose así á Variante Espiritual, coa diferenza que esta xa ten a categoría da ruta Xacobea, unha distinción que os responsables da Mancomunidade do Salnés queren estender a esta nova senda.

Bótalle unha ollada ao vídeo de prestación do proxecto