Nove membros máis para o Club de Produto Galicia Destino Sostible

A iniciativa impulsada polo Clúster coa colaboración da Xunta rolda xa a trintena de membros.

 

As empresas que se adhiran antes do 30 de setembro optarán a unha liña de axudas para deseñar novos produtos turísticos.

 

O Club de Produto Galicia Destino Sostible volve crecer. Nove empresas do sector turístico e hostaleiro acábanse de incorporar a esta iniciativa impulsada polo Clúster Turismo de Galicia coa colaboración da Xunta de Galicia, o que propicia que o número total de membros roce xa a trintena. Os novos membros son o Hotel Villa Covelo, Viajes Interrías, Casa do Romualdo, Hotel Carlos I Silgar, Gran Talaso Hotel Sanxenxo, Piragüilla, Abramar Viajes, Bluscus e Culler de Pau, converténdose este último no primeiro restaurante que se incorpora a Galicia Destino Sostible.

 

Todos eles beneficiaranse de vantaxes no ámbito da promoción, a formación ou o networking e formarán parte do espazo na web de Galicia Destino Sostible (www.galiciadestinosostible.com), pensado para servir de punto de encontro entre empresas e clientes, facilitar o acceso a toda a oferta turística sostible de Galicia e actuar como aval ou garantía, non só de sustentabilidade, senón tamén de calidade dos servizos que alí se ofrecerán. Ademais, poderán optar á liña de axudas posta en marcha co financiamento da Xunta para a creación de novos produtos sostibles. En total, poderán repartirse algo máis de 300.000 euros, aínda que para optar a estas axudas, que serán articuladas a través dun sistema de patrocinios, é preciso adherirse ao club antes do próximo 30 de setembro. As axudas serán concedidas por rigorosa orde de solicitude.

 

Os nove novos membros do club súmanse a RuteartPraxxis inclusión cooperativa galegaHotel O Semáforo de Fisterra,Camping Paisaxe IIMEGA Mundo Estrella GaliciaTee Travel, Rodeiramar ApartamentosSiente GaliciaAlbarariHotel Bela FisterraCasa de CacheiroClub Náutico de PortonovoHotel Bosque MarSIMPLY GALICIALORYGAR SL (A Quinta da Auga), Viaxes Tambre, S.L.Ribeira Sacra Leisure & Lodging. Casa das XaciasAlecrin Actividades e aventura, e Atlantis Adventure Turismo Activo S.L.

 

Calquera empresa galega dos ámbitos dos aloxamentos, os restaurantes, as axencias de viaxe e os provedores de oferta turística poden unirse a esta iniciativa sempre que cumpran os requisitos establecidos. Quen teña algunha certificación oficial de sustentabilidade (S do ICTE, Biosphere, Green Key, EU Ecolabel, Green Globe21, Travellife, Rainforest Alliance Certified, Estrela Verde da Guía MICHELIN, etc.) ou unha certificación ambiental (ISO 14000, EMAS, etc.) poderán adherirse directamente ao club, pois estes son considerados requisitos habilitantes. As empresas que non teñan algunha destas certificacións deberán cumprir co 100% dos requisitos obrigatorios e, polo menos, o 33% dos considerados valorables. Toda a información sobre os requisitos, as vantaxes e o procedemento está dispoñible en www.galiciadestinosostible.com