Nove itinerarios en total e 84 prazas máis, novidades da nova edición de Galicia coma unha bala

Nove itinerarios en total e 84 prazas máis, novidades da nova edición de Galicia coma unha bala

Cun incremento de 84 prazas e a creación de dous novos itinerarios, o Termal e o Camiño do Santiago e o da Lamprea e o Viño do Condado, este verán Galicia volverá contar cunha nova edición do programa Galicia a todo tren, que funciona grazas á colaboración institucional entre a Xunta de Galicia, Renfe e a Deputación de Ourense a través do Inorde. Así, entre xuño e outubro, un total de nove trens turísticos percorrerán as diferentes rutas temáticas: a dos Faros, entre Ferrol e Ribadeo; a dos Pazos e Xardíns Históricos, entre Santiago e Vigo; e o cinco Rutas do Viño que percorren as zonas das Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras, territorios nos que se producen os viños galegos con denominación de orixe.

As dúas novas rutas, o Tren Termal e do Camiño de Santiago circulará entre A Coruña e Lugo os días 1 e 22 de outubro e mostrará a riqueza termal galega, como a do balneario de Guitiriz, e o Camiño do Norte, declarado Patrimonio da Humanidade en 2015 mentres que o Tren da Ruta da Lamprea e o Viño do Condado terá saída desde Santiago de Compostela os días 21 de xuño e 19 de setembro e achegará aos visitantes ás beiras do río Miño, dando a coñecer un patrimonio etnográfico centrado na lamprea. Este percorrido tamén ofrece, por exemplo, visitar o Pazo de Lourizán e os seus xardíns, que conteñen unha mostra da botánica forestal de extraordinario relevo en Galicia, e unha pausa para comer en Pontevedra e visitar a cidade. Ademais, o percorrido inclúe a visita a unha adega da denominación de orixe Rías Baixas.

Unha completa oferta para descubrir Galicia
A oferta deste programa compleméntase, un ano máis, co Tren do Peregrino, o Tren dos Balnearios e o Galicia Rail Pass, a través dos cales se pode, respectivamente, vivir a experiencia do Camiño de Santiago, gozar do termalismo galego ou desprazarse en tren por toda Galicia para coñecer os seus múltiples recursos.

Ademais, este ano Santiago recibirá a visita do tren de luxo máis amplo e espazoso do mundo, o Ao-Andalus. O tren realizará unha viaxe en xullo e outra en agosto, marcando un fito histórico de gran importancia para a Comunidade e para o Camiño de Santiago. Todas estas iniciativas permiten descubrir diferentes zonas de Galicia dunha maneira única, incrementando a competitividade da Comunidade como destino turístico e fomentando o desenvolvemento sustentable do sector.