Nova edición do programa Xuventude Mentoring na Empresa

Nova edición do programa Xuventude Mentoring na Empresa

  • Esta iniciativa busca ofrecer á xente nova estadías formativas de ata tres meses en empresas ou entidades públicas ou privadas vinculadas aos sectores económicos estratéxicos en Galicia.
  • O prazo para que entidades e concellos presenten as súas solicitudes para acollerse ao programa permanece aberto ata o 21 de xullo.

 

O Documento Oficial de Galicia publicaba a finais do mes de xuño as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de estadías formativas en entidades e empresas vinculadas a sectores económicos estratéxicos de Galicia. Este programa da Consellería de Política Social e Xuventude busca favorecer a formación práctica e o contacto co tecido empresarial por parte da mocidade.

 

Xuventude Mentoring na Empresa ten como finalidade reforzar a empregabilidade e as habilidades e competencias profesionais das persoas de entre os 18 e 30 anos inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

 

As propostas que presenten entidades e concellos deberán contar cun mínimo de 10 e un máximo de 25 persoas participantes, e a estadía formativa destas será de tres meses consecutivos, cunha duración mínima de 100 horas ao mes e un mínimo de catro días á semana. O importe máximo da subvención que se concederá a cada entidade para poñer en marcha o seu proxecto formativo é de 120.000 euros. Na achega inclúese unha bolsa de formación por persoa participante dun mínimo de 630 euros mensuais, que se poderán incrementar en 100 euros por custos de desprazamento e outros 100 para as persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33%.

 

Os programas presentados deberán contar cun plan formativo complementario en habilidades e competencias para o emprego, cun mínimo de 20 horas lectivas e cun titor encargado do seguimento da súa estadía.

 

As empresas ou entidades, tanto públicas como privadas, onde se realicen as estadías, deberán ser galegas ou ter centros de traballo en Galicia, e estar vinculadas aos seguintes sectores: aeronáutica, agroalimentación, biotecnoloxía, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, metalmecánico, naval, pedra natural, téxtil/moda, tecnoloxías da información e da comunicación, e calidade de vida e benestar.

 

A Xunta de Galicia destina 1,2 millóns de euros a esta nova proposta, financiada nun 80% polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020. O prazo para presentar as solicitudes para acollerse ao programa permanece aberto ata o 21 de xullo ás 23:59 horas. Se che interesa, podes acceder ao trámite na sede electrónica da Xunta de Galicia, código de procedemento BS324D.