Navegación e sustentabilidade danse a man nunha nova iniciativa que comezou a súa singradura en Galicia

Navegación e sustentabilidade danse a man nunha nova iniciativa que comezou a súa singradura en Galicia

O municipio de Sober acolleu a firma do protocolo de creación da Rede de Cruceiros Costeiros e Fluviais dos Destinos Náuticos Sostibles de España.

 

A Asociación Galega de Actividades Náuticas lidera este proxecto no que participan nove comunidades autónomas e Ceuta.

 

A sustentabilidade embárcase para navegar polos ríos e o litoral grazas a unha nova iniciativa de ámbito estatal que acaba de comezar a súa singradura en Galicia. O municipio lucense de Sober, situado no corazón da Ribeira Sacra, foi o escenario no que se desenvolveu o pasado venres a firma do protocolo de creación da Rede de Cruceiros Costeiros e Fluviais dos Destinos Náuticos Sostibles de España, un proxecto financiado con 2 millóns de euros polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

 

O proxecto, o cuarto mellor valorado dos 237 aspirantes aos fondos europeos Next Generation, está liderado pola Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+) e nace coa intención de desenvolver cruceiros fluviais e costeiros que se complementen con ofertas de actividades terrestres para ofrecer ao público unha panorámica máis completa e sostible do territorio e que combine o desfrute e a natureza con outros aspectos como o patrimonio, a cultura ou a etnografía. Galicia e outras oito comunidades autónomas (Estremadura, Castela e León, Aragón, País Vasco, Cataluña, Andalucía, Canarias e Baleares), ademais da cidade autónoma de Ceuta, son os dez territorios que participan nesta nova rede.

 

A firma do protocolo de creación reuniu en Sober a representantes da Administración do Estado e da Xunta, como o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro. Tamén interviñeron no acto o alcalde de Bóveda e presidente do Grupo de Desenvolvemento Local Ribeira Sacra-Courel, José Manuel Arias, e o alcalde de Sober e presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, ademais de representantes do resto dos socios do proxecto procedentes doutras comunidades.