Máis dun centenar de restaurantes participan na campaña Écociña no Camiño

ACTIVIDADES

Máis dun centenar de restaurantes participan na campaña Écociña no Camiño

O Clúster mostrou o seu apoio a esta iniciativa presentada en Vilanova de Arousa por Nava Castro.

 

Os restaurantes situados nas marxes das distintas rutas de peregrinación a Santiago de Compostela son os destinatarios de Écociña no Camiño, a nova campaña que acaba de presentar a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, en Vilanova de Arousa. O porto da devandita localidade foi o lugar elixido para a posta de longo dunha iniciativa á que o Clúster Turismo de Galicia tamén quixo mostrar o seu apoio a través do seu presidente, Cesáreo  Pardal, presente no acto que congregou a restauradores e blogueiros especializados en gastronomía.

 

O obxectivo desta nova campaña é dar visibilidade ás prácticas sostibles da hostalería no Camiño de Santiago promovendo a cociña autóctona e os produtos galegos entre os peregrinos e turistas. Máis dun centenar de restaurantes participan nesta iniciativa á que se sumaron tamén as prazas de abastos cos seus produtos de proximidade. “O Camiño é o mellor escaparate de Galicia e nel temos que ofrecer o mellor de nós mesmos”, explicou Nava Castro durante o acto celebrado en Vilanova de Arousa.

 

A presentación da campaña consistiu nunha demostración culinaria na que os cociñeiros do restaurante Derby (Vilagarcía de Arousa), o Hotel Restaurante Alte Frankfurt (Vilanova de Arousa) e o Gastrolab Arousa deron forma a diversas receitas con produtos da ría.

 

Exhibicións similares en Muxía e a Ribeira Sacra, ademais dun programa de actividades que se desenvolverá no Camiño durante unha semana con degustacións gratuítas para os peregrinos e actividades abertas ao público nas prazas de abasto, darán continuidade á campaña Écociña no Camiño. Nestas convocatorias ademais de ofrecer produtos preparados polos cociñeiros locais realizarase un labor pedagóxico sobre as vantaxes de adquirir produtos de proximidade e a importancia da sustentabilidade.