Máis de medio centenar de aloxamentos galegos mellorarán as súas instalacións a través do investimento público de case un millón de euros

Máis de medio centenar de aloxamentos galegos mellorarán as súas instalacións a través do investimento público de case un millón de euros

Os beneficiarios da liña de axudas de Cultura e Turismo da Xunta acometerán actuacións para elevar a categoría actual dos establecementos, a modernización das súas instalacións, embelecemento e actualización de equipos

Continuando co obxectivo establecido de mellorar a competitividade do sector turístico galego a Xunta de Galicia investirá case un millón de euros na mellora de aloxamentos turísticos, no marco da liña de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, destinada a entidades privadas para actuacións de mellora neste tipo de infraestruturas turísticas que se puxo en marcha por vez primeira a comezos deste ano e da que agora se publican a relación de axudas concedidas.

De feito, o orzamento inicial desta convocatoria, cuxa resolución pode ser consultada no Diario Oficial de Galicia (DOG), foi ampliado para atender as solicitudes presentadas, que cobren até o 35% do importe, cun máximo de 35.000 euros por cada unha das entidades beneficiarias. Con ela Cultura e Turismo busca consolidar Galicia como un destino excelente e máis acolledor, tal e como recolle a Estratexia do turismo de Galicia 2020. Cun crédito orzamentario de 991.552 euros, o Goberno galego aprobou un total de 54 axudas que optimizan a calidade da oferta de aloxamento.

Principais melloras

A través destes incentivos, procúrase que os responsables de negocios beneficiarios leven a cabo as remodelacións precisas para o desenvolvemento da súa actividade, cos maiores estándares de calidade nos servizos prestados. Entre outras accións, contémplanse as destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras, profundando así nos compromisos do Plan de accesibilidade turística e do Camiño de Santiago impulsado polo Goberno galego. A orde tamén propicia a obtención de certificacións de calidade, ampliando o liderado da nosa Comunidade no ranking da Q de Calidade Turística, con case o 20% dos establecementos recoñecidos en España.

Así mesmo, abarca proxectos para elevar a clasificación do establecemento, que supoña un incremento da categoría na que se atopa na actualidade; actuacións de climatización que favorezan a sustentabilidade con medidas de aforro enerxético; traballos de renovación e de modernización das instalacións, así como destinadas a embelecer as contornas, e, por último, renovación dos equipos mobles necesarios para o funcionamento do establecemento.