Máis de 3.000 mozos gozarán do Camiño de Santiago a través do programa Xacobeo Xove

Máis de 3.000 mozos gozarán do Camiño de Santiago a través do programa Xacobeo Xove

  • O Consello da Xunta informou dos avances desta iniciativa, lanzada en 2023, que está a piques de esgotar todos os bonos de desconto.
  • Os participantes fixeron un gasto medio de 400 € nos paquetes turísticos.

O Consello da Xunta informou o pasado xoves, 7 de marzo, dos avances do programa Xacobeo Xove, unha iniciativa que promove a experiencia do Camiño de Santiago entre a mocidade a través de descontos en paquetes deseñados por axencias de viaxe galegas. Participan nesta iniciativa un total de 25 axencias de viaxe retallistas e grosistas galegas.

 

O programa avanza a bo ritmo, a piques de comercializar todas as viaxes dispoñibles. Polo momento xa se aplicaron 3.100 descontos, tanto de xeito individual como en grupo. Son principalmente mozos e mozas españois, de ata 30 anos, estudantes, que optan por tipoloxías de viaxe diversas (en parella, en familia ou con amigos). A maior parte son de distintos puntos de España, pero tamén se rexistraron reservas de mozos de Italia, Irlanda, Reino Unido ou Suecia.

 

O prezo das viaxes comercializadas foi de 408 euros por persoa. Esta iniciativa permitiu que boa parte da sociedade puidese vivir a experiencia do Camiño de Santiago a través dun desconto de 200 euros sobre o prezo habitual. Desde a súa posta en marcha están activos máis de 60 paquetes turísticos que se poden consultar a través da páxina www.xacobeoxove.com.

 

O programa Xacobeo Xove é unha iniciativa financiada pola Axencia Turismo de Galicia en colaboración coa Consellería de Política Social e Xuventude, o Clúster Turismo de Galicia, a Asociación de Axencias de Viaxes de Galicia (Agavi), a Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia (Atrega) e a Asociación Provincial de Axencias de Viaxes de Pontevedra (Avipo). O seu obxectivo é fomentar a peregrinación entre a poboación máis nova e potenciar o futuro do Camiño de Santiago.