Máis ciclos e investimentos para a Formación Profesional na rama turística e hostaleira

O presidente da Xunta destaca a contribución destas ensinanzas ao éxito actual do turismo galego.

 

Alfonso Rueda percorreu o CIFP Carlos Oroza acompañado polo conselleiro Román Rodríguez e o presidente do Clúster, Cesáreo Pardal.

 

Os ciclos de Formación Profesional da rama da hostalería e o turismo están en auxe e desempeñan un papel clave na mellora de ambos sectores en Galicia. Sete centros integrados de FP e nove institutos imparten estudos nestes ámbitos sumando no presente curso un total de 3.190 alumnos, segundo os datos da Xunta. A intención do Goberno galego é reforzar esta oferta formativa, segundo anunciou esta semana o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a visita realizada ao CIFP Carlos Oroza, de Pontevedra, na que estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidade, Román Rodríguez, e na que tamén tomou parte o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.

 

Alfonso Rueda destacou a importancia da implantación do ciclo Guía, información e asistencia turística no IES Sanxillao, de Lugo, e do novo ciclo de FP básica de Cociña e Restauración en Sanxenxo e anunciou investimentos para mellorar as infraestruturas e os medios materiais de varios centros. É o caso do  CIFP Carlos Oroza, que cualificou de “exemplo de implicación, compromiso e restauración”, e no que detallou que a Xunta destinará 2,7 millóns de euros para acometer unhas obras que permitirán dotalo de dúas novas aulas de FP básica de Cociña e Restauración, aulas do ciclo superior de Xestión de Aloxamentos Turísticos e unha nova aula de cata. Rueda cualificou de “revolución silenciosa” o auxe da Formación Profesional e o alto grao de ocupación que logran os seus estudantes, cun 90% no caso da FP Dual.

 

O presidente da Xunta sinalou que o labor dos traballadores do sector da hostalería e o turismo é clave no éxito que está a vivir Galicia na actualidade á hora de atraer visitantes con cifras récord: máis dun millón de viaxeiros e 130.000 compostelas concedidas aos peregrinos do Camiño de Santiago no primeiro cuadrimestre.