Os hoteis galegos pechan o mes de xullo cun aumento de viaxeiros dun 7,6% fronte o ano 2018 e coa cifra máis alta da década en canto a rendibilidade

sector hoteleiro xullo 2019

Os hoteis galegos pechan o mes de xullo cun aumento de viaxeiros dun 7,6% fronte o ano 2018 e coa cifra máis alta da década en canto a rendibilidade

Os hoteis galegos pecharon o mes de xullo recibindo máis viaxeiros, rexistrando un salientable incremento no número de pernoitas e cunha mellora nos indicadores de calidade. Así o reflicten os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) – a falta de recoller os datos correspondentes ós viaxeiros e pernoitas rexistradas no resto de tipoloxías de aloxamento (establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, albergues e cámpings).

Segundo estes datos, o sector hoteleiro galego recibiu no mes de xullo 546.620 viaxeiros, un 7,6% máis que no mesmo período do ano pasado. Cabe destacar o forte impulso do turismo internacional, que rexistrou un alza do 12,2%. Ainda así, a nosa comunidade continúa a ser un dos destinos principais dos viaxeiros residentes en España, situándose no 5º posto por comunidades autónomas.

 

Os hoteis galegos non só recibiron un maior número de visitantes en xullo, senón que estes realizaron un maior número de noites. O número total de pernoitas superou os 1,2 millóns , o que significa un 6,7% máis que en xullo de 2018.

Destes datos despréndese a estancia media (total dos viaxeiros entre o número de pernoitas) que se sitúa nunhas 2,24 noites, similar a anos anteriores.

Os datos do INE tamén reflexan que o grado de ocupación experimentou un alza de preto do 3% , chegando a unha cifra de 53’61% moi similar á de 2017. A ocupación nos fins de semana sitúase como media nun 62,14%, experimentando un crecemento menor, un 1,78%.

Se falamos de números acumulados, Galicia leva recibidos nos sete primeiros meses do ano un total de 2.370.169 visitantes a falta de coñecer as cifras da oferta extrahoteleira que o INE publicará a vindeira semana.

 

O sector hoteleiro galego acada mellores cifras de rendibilidade

A aposta pola profesionalización e a mellora da competitividade dos establecementos hoteleiros galegos reflíctese na mellora tanto da rendibilidade como das tarifas.

En concreto, destaca a mellora da rendibilidade (RevPAR – ingreso medio por habitación), que acada un 7,3% máis que 2018 e se sitúa con 35,80€ na cifra máis elevada da década.

Por outra banda, a Tarifa Media Diaria (ADR) sube un 2,37% no mesmo período ata os 64,13€

Lugo lidera o crecemento

No que respecta aos datos por provincias, todas rexistran un comportamento positivo e homoxéneo da demanda hoteleira. En termos absolutos, Pontevedra é a provincia que absorbe o maior volume de demanda no conxunto da Comunidade grazas aos bos datos rexistrados nos destinos do litoral. Séguena A Coruña, Lugo e Ourense.

 

En canto á porcentaxe de crecemento e poñendo a vista no volume de noites, Lugo é a provincia que máis medra, cun 14,2%; seguida de Pontevedra, cun 6,5%; Ourense, cun 5,7%, e A Coruña, cun 5,1%, uns incrementos parellos á cifra de viaxeiros aloxados.