Os hoteis galegos alcanzan cifras récord

O número de viaxeiros, a ocupación, a rendibilidade e a facturación total en abril foron superiores ao mesmo mes do 2019.

 

A análise dos datos dos hoteis galegos durante o pasado mes de abril volven reflectir que o sector camiña pola senda da recuperación e que as consecuencias da pandemia da covid van quedando atrás. Así se deduce da análise que a responsables da Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia (AEITG) realizaron dos datos da Enquisa de Ocupación Hostaleira do Instituto Nacional de Estatística.

 

No seu informe, o AEITG destaca que durante abril os hoteis galegos melloraron os datos do mesmo mes do 2019, previo á pandemia, na gran maioría dos parámetros abordados, mostrando ademais unha mellor evolución que o conxunto de España. O número de viaxeiros aloxados nestes establecementos creceu un 4,7 % ata sumar máis de 379.000 persoas, mentres que no cómputo total español a cifra reduciuse en algo máis dun 5 %. Ese aumento dos viaxeiros en Galicia traduciuse tamén nun incremento da porcentaxe da ocupación hoteleira, que pasou do 37,19 de abril do 2019 ao 37,84 do mesmo mes do presente exercicio.

 

Maior aínda foi o incremento das tarifas dos hoteis, que por primeira vez superaron os 60 euros de media nun mes de abril. Os 61,38 euros alcanzados supoñen unha alza do 8,1 con respecto a abril do 2019, o anterior récord para ese mes. Esta cifra queda aínda por debaixo dos datos do resto das comunidades, pero si permite ao sector hoteleiro galego mellorar a súa rendibilidade ata alcanzar os 25,25 euros por habitación dispoñible para sumar uns ingresos totais estimados en abril de 24,8 millóns de euros, o triplo da rexistrada nese mesmo mes do 2021, un 5,4 % máis que no 2019 e a cifra máis alta da serie histórica, segundo destacan tamén os autores do informe do AEITG.