As empresas participantes na misión comercial do Clúster reforzan os seus vínculos co mercado turístico italiano na TTG Travel Experience de Rímini

As empresas participantes na misión comercial do Clúster reforzan os seus vínculos co mercado turístico italiano na TTG Travel Experience de Rímini

  • A delegación mantivo unha media de 20 reunións profesionais por empresa no marco do Travel Open Day, previo á feira internacional italiana

 

A misión comercial organizada polo Clúster Turismo de Galicia, en colaboración con Turismo de Galicia, aterrou a semana pasada en Italia para participar na feira TTG Travel Experience de Rímini, un dos eventos profesionais máis relevantes do sector turístico en Italia. As empresas Hotel Riazor, Eat & Walkabout e Hotel Castro representaron a oferta galega.

 

A xornada previa á feira, o Travel Open Day, serviu como punto de encontro inicial entre operadores italianos e representantes galegos, cunha media de 20 reunións por empresa. Estes encontros permitiron establecer novos contactos comerciais e reforzar a visibilidade de Galicia como destino cultural, gastronómico e espiritual.

 

  • Interese crecente polo Camiño e polo turismo relixioso

 

A feira mantén o seu carácter marcadamente italiano, aínda que cada ano medra a presenza de operadores internacionais, o que amplía as posibilidades de cooperación con novos mercados. Entre os principais receptivos con sede en San Marino e Italia destacan Itermar, SM Viaggi, Podium, Ace Tours, Michelangelo e Titan Travel, axencias especializadas en turismo grupal e cultural.

 

Entre as principais conclusións, destaca o aumento do interese dos touroperadores italianos e internacionais polo Camiño Portugués e o Camiño Inglés, percorridos que gañan protagonismo fronte ao Camiño Francés. Tamén se detectou unha maior demanda de aloxamentos e albergues vinculados ás rutas xacobeas, especialmente en destinos como Fisterra.

 

Así mesmo, obsérvase un aumento da actividade con turistas suramericanos, que demandan itinerarios relixiosos que inclúen Fátima, Santiago, Zaragoza ou Lourdes como destinos principais. Os profesionais italianos salientaron tamén o potencial de Galicia como destino espiritual e cultural, especialmente de cara ao Ano Xacobeo 2027, cando se prevé un incremento das viaxes con motivación relixiosa.

 

A misión comercial permitiu recoller, ademais, impresións sobre os retos de conectividade aérea, pois parte das axencias italianas e latinoamericanas seguen a operar a través de Lisboa e Porto por cuestións de frecuencias e tarifas.

 

A presenza galega en Rímini consolida o traballo de internacionalización do Clúster, que continúa a fortalecer lazos con mercados europeos e emerxentes e impulsando a proxección do destino Galicia.