A Xunta e os guías de turismo de Galicia amplían a súa colaboración para mellorar o sector

A Xunta e os guías de turismo de Galicia amplían a súa colaboración para mellorar o sector

Turismo de Galicia achegará este ano 50.000 euros para o deseño e comercialización de produtos turísticos.

 

O convenio asinado o ano pasado entre a Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia (entidade asociada ao Clúster Turismo de Galicia) e a Axencia Turismo de Galicia para fomentar a profesionalización do sector e incentivar o deseño e a comercialización de novos produtos turísticos ten continuidade durante este 2022. Así o destacou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, durante a súa participación na Coruña na posta de longo dun dos proxectos materializados grazas a este acordo.

 

A creación de produto no Camiño de Santiago e outras contornas, e a adecuación á axenda 2030 e os seus Obxectivos de Desenvolvemento Sostible son os eixos principais desta colaboración que arrincou no 2021 cunha primeira dotación de 170.000 euros e co que se pretende tamén apostar polos atractivos de novos destinos e fomentar a creación de novas empresas en lugares menos habituais. Este ano, Turismo de Galicia destinará outros 50.000 euros a dar continuidade á iniciativa.

 

Goza do Camiño da Ría de Vigo, Goza do Camiño en Caldas de Reis, Visitas teatralizadas en Santiago, Visitas peludas (Camiño Portugués), Camiño das cunchas, Camiñando por Cabreiroá, Camiño dos sabores en Valdeorras, Os mercados de Galicia e Heroínas da Coruña son os produtos xa desenvolvidos. Desde a Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia anuncian que proximamente convocarán un concurso de ideas para seleccionar os produtos que serán financiados a través do novo convenio.