A Xunta subvenciona con 1,2 millóns de euros melloras en preto de 70 establecementos de aloxamento turístico

A Xunta subvenciona con 1,2 millóns de euros melloras en preto de 70 establecementos de aloxamento turístico

Un total de 66 establecementos turísticos galegos beneficiaranse das subvencións da Xunta de Galicia para actuacións de mellora das infraestruturas en establecementos turísticos de aloxamento, incluídas no Plan MAT a través dunha convocatoria dotada con 1,2 millóns de euros.

Os beneficiarios poderán cubrir investimentos dirixidos as accións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas; obras para a optimización das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial a Q de Calidade Turística; ou actuacións para incrementar a clasificación do establecemento e elevar a súa categoría.

Comprende, así mesmo, iniciativas de climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético; a modernización das instalacións e do embelecemento da contorna ou a renovación dos equipamentos mobles necesarios para o funcionamento do establecemento de aloxamento nas súas diferentes tipoloxías.

As empresas beneficiarias son establecementos turísticos de aloxamento incluídos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta (REAT), con especial incidencia nas pequenas e medianas empresas do sector, cunha antigüidade na actividade non inferior a cinco anos. Así mesmo, téñense en conta aspectos como a posesión de certificados ambientais ou a implementación de plans de igualdade e formación. O investimento neto admitido por cada proposta foi de até 100.000 euros e os proxectos conseguiron unha subvención de até o 35% sobre o orzamento do investimento subvencionable. Por tanto, o importe máximo da axuda a cada entidade beneficiaria é de 35.000 euros.

A aposta por un turismo de calidade é un dos principais obxectivos do Plan MAT de Mellora de Aloxamentos Turísticos, unha estratexia que ten como obxectivo favorecer a renovación e modernización dos establecementos da Comunidade coa ollada posta no gran reto que para o sector suporá a celebración do próximo Xacobeo 21, unha cita na que a Xunta está a traballar intensamente.