A Xunta lanza o bono turístico #DescubreGaliciaenOutono co obxectivo de promover a desestacionalización

A Xunta lanza o bono turístico #DescubreGaliciaenOutono co obxectivo de promover a desestacionalización

  • O bono terá formato dixital e permitirá facer descontos sobre as actividades turísticas contratadas ata un máximo de 100 €
  • As empresas turísticas que desexen adherirse ao programa, e aquelas persoas interesadas en solicitar o bono, poderán facelo o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

A Xunta de Galicia anunciou a posta en marcha do bono turístico #DescubreGaliciaenOutono, unha iniciativa que nace co obxectivo de incentivar o turismo interno e a desestacionalización entre a poboación galega. Esta iniciativa conta cun orzamento de 1 millón de euros, con 10.000 bonos turísticos dispoñibles.

 

Este bono ten un funcionamento similar aos anteriores, pero sen tarxeta de copagamento. O desconto será do 40 % ata un máximo de 100 €, e realizarase mediante a descarga do bono turístico na páxina web habilitada, que contará cun código QR. Segundo avanzou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o desconto poderase comezar a usar a mediados de outubro e ata o 25 de decembro de 2023.

 

Proceso de adhesión

 

Os establecementos turísticos de aloxamento e as axencias de viaxe que desexen adherirse ao programa deberán rexistrarse na web. O prazo para que os establecementos se adhiran será desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, e ata o 1 de decembro de 2023.

 

Beneficiarios

 

Poderán ser beneficiarios desta iniciativa as persoas físicas maiores de idade e residentes en Galicia. Poderán solicitar un bono desconto por persoa por un valor de 100 € para gastos de aloxamento realizados nos establecementos turísticos de aloxamento e axencias de viaxe adheridas, así como nos servizos ofertados polos aloxamentos ou axencias.

 

Poderase usar cada bono ata o seu esgotamento, ou de ser o caso, ata o esgotamento do crédito dispoñible no programa.