A Xunta de Galicia anuncia unha nova subvención a proxectos tractores para o turismo na contorna do Camiño de Santiago

A Xunta de Galicia anuncia unha nova subvención a proxectos tractores para o turismo na contorna do Camiño de Santiago

  • O prazo de presentación de solicitudes será de catro meses, entendéndose como último día do prazo o 18 de marzo de 2024, ás 23:59 horas.

 

Coa publicación do Documento Oficial de Galicia o pasado venres, 17 de novembro, a Xunta abre a convocatoria para solicitar as subvencións a proxectos tractores para o turismo na contorna do Camiño de Santiago.

 

Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas, medianas (pemes) e grandes empresas que proxecten levar a cabo un investimento para a posta en marcha dun novo establecemento turístico localizado na comunidade galega.

 

O novo establecemento debe crearse de acordo a algunha das seguintes tipoloxías: establecementos hoteleiros, apartamentos, vivendas turísticas, establecementos de turismo rural, albergues turísticos ou establecementos de restauración (restaurantes, cafetarías, bares).

 

Pódense diferenciar dúas tipoloxías de proxecto: proxectos tractores de competitividade e sustentabilidade turística, que deberán cumprir cun mínimo das seguintes cuestións: creación de, polo menos, 5 postos de traballo directos; creación de vínculos con axentes públicos e privados do territorio que poidan exercer un efecto panca no sector turístico ou outros sectores de actividade; creación dun novo establecemento turístico que promova o turismo sustentable. Os proxectos tractores poderán optar ás seguintes contías por categoría de empresa: 35% as pequenas, 25% as medianas, e 25% as grandes empresas.

 

A segunda tipoloxía de proxecto é para aquelas iniciativas tractoras dinamizadoras do turismo cultural, que deberán cumprir coa totalidade dos requisitos: a creación do establecemento debe ir unida á posta en valor e mellora ou rehabilitación dun ben de interese cultural; polo menos un 80% da capacidade temporal ou espacial anual destinarase a fins culturais. Para esta categoría poderase optar a unha axuda máxima dun 80% dos custos subvencionables ata o límite máximo de 2.200.000 euros por proxecto.

 

En ambos dous casos, os proxectos achegados deberán ascender a un mínimo de 300.000 euros de investimento; contribuír á creación de oferta de aloxamento ou restauración; situarse na contorna do Camiño de Santiago; contar co informe previo favorable da Axencia de Turismo no momento da presentación da solicitude da axuda; desenvolverse en infraestruturas emblemáticas, históricas, de interese paisaxístico ou bens de interese cultural; e contar coa autorización ou licenza urbanística ou sectorial tanto municipal como por parte doutros organismos ou administracións públicas.

 

As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a documentación que acredite a plena dispoñibilidade dos terreos e inmobles nos que se van desenvolver as actuacións; unha memoria explicativa onde se definan de xeito pormenorizado o investimento e as actuacións que se van desenvolver; ademais doutras documentacións que varían en función do tipo de empresa que solicite a axuda ou o tipo de proxecto seleccionado.

 

O orzamento divídese en tres liñas de actuación: a liña 1, Rehabilitación sustentable de edificios e adaptación de infraestruturas emblemáticas para a posta en marcha dun novo establecemento turístico, cun orzamento de 2.625.000 €, a liña 2, Medidas de eficiencia enerxética en edificios emblemáticos para a posta en marcha dun novo establecemento turístico, cun orzamento de 1.075.000 €, e a liña 3, Mellora da accesibilidade en edificios emblemáticos para a posta en marcha dun novo establecemento turístico, cun orzamento de 300.000 €.

 

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 18 de marzo de 2024 a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, código de procedemento TU503H.