A Xunta convoca axudas para proxectos na área de influencia do Parque Nacional das Illas Atlánticas

A Xunta convoca axudas para proxectos na área de influencia do Parque Nacional das Illas Atlánticas

  • As subvencións, concedidas por concorrencia competitiva, serán dun máximo de 8.000 euros, podendo cubrir o 100% do investimento subvencionable.
  • O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 9 de xuño ás 23:59 horas.

 

A Xunta de Galicia convoca unha liña de axudas para proxectos na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia para o 2023. Dita área correspóndese coa superficie dos concellos de Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo.

 

As subvencións, cun investimento total de preto de 150.000 euros e en réxime de concorrencia competitiva, serán dun máximo de 8.000 euros, podendo cubrir o 100% do investimento subvencionable.

 

Son beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas cuxa sede social estea radicada na área de influencia socioeconómico do Parque Nacional; persoas empresarias autónomas ou comunidades de bens; persoas empadroadas titulares dunha concesión na área de influencia deste espazo protexido; institucións sen fin de lucro; e entidades de dereito público cuxa actividade estea relacionada co aproveitamento de recursos naturais renovables na área.

 

As actividades subvencionables poden ser iniciativas destinadas á conservación ou restauración do patrimonio natural cun valor ecolóxico; á eliminación de calquera tipo de impacto sobre os valores naturais ou culturais que xustificaron a creación do Parque Nacional; a garantir a compatibilidade das actividades e dos usos tradicionais coa finalidade e cos obxectivos dos parques nacionais; á conservación ou restauración do patrimonio arquitectónico; á posta en marcha de actividades económicas relacionadas co Parque Nacional; ao mantemento ou á recuperación da tipoloxía construtiva tradicional; á divulgación e formación entre a poboación local; e á posta en valor ou á recuperación e divulgación do patrimonio arqueolóxico, etnográfico e cultural.

 

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o venres, 9 de xuño, ás 23:59 horas, a través da sede electrónica oficial da Xunta de Galicia, co código de procedemento MT821A.