A Xunta avanza na implantación da Q de Calidade Turística no Camiño de Santiago, rutas do viño e espazos públicos singulares

A Xunta avanza na implantación da Q de Calidade Turística no Camiño de Santiago, rutas do viño e espazos públicos singulares

Galicia será pioneira este 2020 co deseño, por primeira vez en España, de criterios de excelencia turística nestes lugares para afondar no modelo de calidade

En colaboración co Instituto para a Calidade Turística (ICTE), co que a Xunta asinou un convenio de colaboración, Galicia traballa de forma pioneira na extensión deste distintivo de Calidade Turística aos itinerarios xacobeos, o Camiño Portugués e a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, así como ás Rutas dos Viños das Denominacións de Orixe Rías Baixas e Ribeira Sacra e, tamén por primeira vez, a espazos singulares como prazas, xardíns, monumentos de interese ou conmemorativos, bibliotecas, faros, paseos marítimos, etc.

Nestes primeiros pasos, Xunta e ICTE mantiveron unha xornada de presentación a concellos e entidades interesadas na que se contou coa participación de técnicos do ICTE e do director xeral, Fernando Frade, para poder identificar os lugares tales como albergues ou espazos públicos singulares destas áreas para definir criterios técnicos para que poidan ser recoñecidos coa Q de Calidade turística.

Ferramentas específicas
Como explicou Nava castro, grazas a este acordo poderán deseñarse este 2020 por vez primeira ferramentas de calidade específicas que avaliarán o seu sistema de xestión, os seus servizos e equipamentos nestas áreas de influencia. De feito, a Xunta organizou diferentes xornadas informativas tanto na área de influencia de Pontevedra como en Monforte de Lemos, para a área de influencia da Ribeira Sacra.

Con estas medidas Galicia avanzará como destino de calidade deseñando as rutas Q, onde se inclúen o Camiño de Santiago e itinerarios vitivinícolas, fomentando nestas contornas en especial a excelencia dos profesionais e dos servizos turísticos. Ademais, os profesionais do sector destas rutas Q, que están caracterizadas por contar con negocios de pequeno e mediano tamaño, contarán coa axuda necesaria para acreditar a calidade dos seus servizos e profundar na súa profesionalización.