A Xunta convoca unha nova liña de axudas para o sector termal para modernizar as súas instalacións

A Xunta convoca unha nova liña de axudas para o sector termal para modernizar as súas instalacións

  • Estas axudas incluiranse nun plan específico antes de que remate o ano
  • Galicia é a segunda potencia de Europa en termalismo, xerando 19.000 postos de traballo e atraendo a 190.000 turistas en 2023

 

Alfonso Rueda, o presidente da Xunta, anunciou en Termatalia que o Executivo autonómico ultima unha nova liña de axudas de ata 8 millóns de euros destinadas á modernización e mellora das instalacións termais.

 

Galicia é a primeira potencia termal de España, xerando, entre directos e indirectos, máis de 19.000 postos de traballo. O termalismo na nosa comunidade reúne todas as características do modelo turístico polo que aposta a Xunta: é un tipo de turismo sostible, de calidade, que permite desestacionalizar a chegada de viaxeiros.

 

O Plan específico de termalismo está previsto que se poña en marcha antes de finais deste ano, e contará cunha liña de axudas dos fondos Next Generation da Unión Europea.

 

Tamén se contempla a creación dunha Mesa de Termalismo para fomentar a colaboración entre as distintas áreas da Xunta neste ámbito e a creación dun Observatorio Termal para avanzar na investigación e profesionalización.

 

Estas medidas sumaríanse ao Plan Territorial de Sostibilidade Turística de Vilas Termais e Centros Históricos que promove melloras nas zonas termais e que conta cun orzamento de 21 millóns de euros ata 2026.