A Royal Yachting Association (RYA) explora opcións de colaboración cos portos deportivos galegos

A Royal Yachting Association (RYA) explora opcións de colaboración cos portos deportivos galegos

Co obxectivo de establecer vías de colaboración estables, a Consellería de Mar, Portos de Galicia e a Royal Yachting Association (RYA) mantivo un encontro en Galicia para profundar na actividade náutica galega

A RYA, a asociación de navegantes de orixe británicos, reúne a 150.000 socios en preto de 60 países de todo o mundo e está interesada en abrir vías de colaboración cos portos deportivos galegos, abordando a posibilidade de intercambio de navegantes entre outros portos dos distintos países asociados á RYA e os portos deportivos da costa galega. Tamén abordaron a posibilidade de abrir mercado para cruceristas e megaiates nas instalacións que así o permitan.

Outro dos asuntos que puxeron sobre a mesa foi a importancia da simplificación de determinados trámites que teñen que cumprimentar os navegantes británicos cando veñen a Galicia co obxectivo de facilitar a súa navegación. Esta suxestión realizada pola RYA durante a reunión será trasladada pola Xunta ao Ministerio de Fomento, do que dependen as Capitanías Marítimas.

A posibilidade de que os navegantes anglosaxóns poidan deixar as súas embarcacións en portos galegos durante o inverno e que poidan acceder a determinados servizos e a elaboración de material informativo sobre cultura, gastronomía e turismo na contorna dos portos foron outros dos asuntos propostos pola RYA na reunión. Uns aspectos, que a Xunta acordou trasladar ao sector náutico.

A presidenta da RYA desprazouse esta semana a Galicia a raíz do contacto realizado co presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, durante a celebración da feira náutica London Boat Show o pasado mes de xaneiro. A presidenta da RYA, Sarah Treseder, mostrou o seu interese en visitar as instalacións náuticas galegas e coordinar posibles vías de colaboración.

Durante a súa estancia en Galicia, Treseder ten previsto visitar, entre outras instalacións, os portos deportivos de Mariña Davila, en Vigo; Monte Real Club de Iates de Baiona; Club Náutico Boiro, Real Club Náutico de Portosín; Mariña Arousa, en Vilagarcía; e o Club Náutico de San Vicente do Mar no Grove. Así mesmo, ademais de manter reunións cos representantes das principais asociacións de náutica de Galicia e operadores portuarios orientados ao negocio da náutica de recreo.