A restauración galega volve brillar con 78 Soletes Repsol

A famosa guía gastronómica recoñece cunha nova distinción os mellores establecementos onde gozar no outono e inverno.

 

A hostalería desempeña un importante papel na oferta turística galega que ten sido recoñecido con numerosos premios e distincións. Así acaba de ocorrer de novo cos  Soletes de Outono/Inverno, unha nova categoría creada pola famosa Guía Repsol e que incluíu 78 locais galegos na súa primeira relación de establecementos destacados de toda a Península. Trátase dun distinción que segue os pasos dos Soletes de Verán que a mesma publicación lanzou ao comezo da pasada tempada estival para dar visibilidade a establecementos próximos, accesibles, con prezos alcanzables e onde reina o bo ambiente.

 

Os Soletes de Outono centráronse, en palabras dos promotores desta iniciativa, naqueles “lugares sinxelos” que os clientes recomendarían aos seus amigos e parentes. “Cociña honesta, prezos alcanzables e ambiente que engancha agora tamén en lugares pensados para afastar o frío: cafeterías acolledoras e casas de comidas onde manda a culler; pero tamén bares con barras ben variadas, coctelerías onde celebrar a volta á vida, e algunha que outra terraza de inverno”. Estas son os características dunha heteroxénea listaxe no que aparecen propostas para todo tipo de público, diferentes momentos do día e con ofertas que van desde un almorzo reconstituínte a un saboroso menú pasando por un delicioso petisco.

 

Se os Soletes de Verán se centraron nos destinos vacacionais máis populares, estes  Soletes de Outono/Inverno optaron por destacar os ambientes urbanos e os espazos nos que a maioría da poboación desenvolve as súas rutinas e a súa día a día.

 

Casa Lestón e Etel&Pan (Fisterra), Nordestada (Porto do Son), O Senra (Noia), A Capela (Arteixo), Noijra e Bara Nuevo (A Pobra do Caramiñal), O Gaiteiro (Cabanas), A Casa dos Martínez (Padrón), Preludio (OIeiros), Habarizo, Terra Mía, La Sastrería, Pepa A Loba, El Valentín, Pontejos, La Esquina de Valentina, Vermutería Martínez e Charlatán (A Coruña), Josefa’s Bar, A Barcia e David Freire (Ferrol), e Santoro, Artesana, Anaco, A Tasquiña de San Pedro, Café Venecia, Lusco & Fusco, Ventosela, A Noiesa, Comovino e A Tulla Comocobata (Santiago de Compostela) son os locais recoñecidos na provincia da Coruña.

 

Na provincia de Lugo, os Soletes foron para Os Pendellos e A Faragulla (Chantada), Casa do Labrego (Begonte), Cervexería Vikinga (Viveiro), Casa Cándida (Muras), Doce Lecer e A Lonxa (Burela), A Cofradía de Rinlo e A Mareta (Ribadeo), Casa de Curro (Baralla), e Los Infantiles, Os Cachivaches, A Laxa, Toscana, Cotá, Legends, Canela Bakery e Confitería Ramón (Lugo).

 

En Ourense son Lusitano (Lobios), La Viuda (A Pobra de Trives), O Pepiño (Allariz), O Muíño do Chirlo (Celanova), O Birrán (Ribadavia), Adega Regadas (O Carballiño) e La Estación de Lomán, Latino e La Zapatería del Abuelo (Ourense).

 

E na provincia de Pontevedra, os locais destacados son Argentinos Burguer (A Estrada), Casa Rosita e Ribeira de Fefifáns (Cambados), Michael’s e A Curva (Sanxenxo), Casa Pipeiro (Ponte Caldelas), Fidalgo (Baiona), Michigan (Nigrán), Amásame Bakery e O Salgadoiro (Pontevedra), e O Coto, Don Marco, Aplomo, La Mesa de Conus, La Pepita, Niño Corvo, Eligio, PurOsushi e La Trastienda del Cuatro (Vigo).