A provincia de Pontevedra celebrará o día 17 a súa gran festa do turismo

A Ruta do Viño dás Rías Baixas será investida como embaixadora 2022 na gala organizada pola Deputación.

 

A Deputación de Pontevedra celebrará o xoves 17 de marzo a nova edición da Gala Provincial do Turismo, unha gran festa que servirá para homenaxear aos profesionais, as empresas e as distintas iniciativas do sector. Será o caso da Ruta do Viño Rías Baixas, que será investida como Embaixadora Rías Baixas 2022, un título honorífico que o ano pasado ostentaron os chefs con estrela  Michelín. Ademais, durante a velada serán entregados os diplomas SICTED ás 163 empresas da provincia que se incorporaron ou renovaron o seu compromiso co Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos.

 

A gala terá como presentadora á actriz viguesa Jazmín Abuín e como fío condutor, a campaña turística Love Rías Baixas e os testemuños de diferentes persoas doutros países que decidiron quedar a vivir na provincia tras descubrila. Non faltará a música, que correrá a cargo do exitoso grupo Tanxugueiras, nin o espectáculo de luz, son e acrobacias de Pablo Méndez Performances, ademais de varias pezas audiovisuais que mostrarán as paisaxes, o patrimonio, as empresas e as persoas que representan ao destino turístico pontevedrés.

 

O Auditorio Mar de Vigo servirá escenario de novo desta festa do turismo, que tamén poderá ser seguida vía streaming a través da páxina web e as redes sociais da Deputación. “Esta Gala é a gran festa do turismo da provincia e dun sector comprometido coa calidade. É a cita máis importante do turismo na provincia e en Galicia, e unha das máis potentes de todo o Estado”, asegurou a presidenta provincial, Carmela Silva, na presentación do programa da velada.