A Organización Mundial de Turismo constata o impulso que está a experimentar o sector

O sur de Europa lidera a recuperación do turismo internacional, aínda que a previsión dos expertos é que non se alcancen os niveis prepandemia ata o 2024.

 

A recuperación do sector turismo é un feito tamén no ámbito internacional. As últimas cifras constatan unha alza significativa do movemento de visitantes no que vai de ano con respecto ao 2021, e Europa, especialmente os países do sur do continente, sitúanse á cabeza desta recuperación. Así o destaca a Organización Mundial do Turismo (OMT) no seu último Barómetro do Turismo Mundial.

 

O informe da OMT detalla que o turismo internacional ten aumentado un 182 % durante o primeiro trimestre deste ano con respecto ao mesmo período do 2021. Ese aumento é aínda máis importante no caso de Europa, onde se situou no 280 %, mentres que, en América, África e Oriente Medio foi de 117, 96 e 132 %, respectivamente. Asia e o Pacífico quedan á cola desta estatística, cunha alza do 64 %, posto que varios destinos desa zona seguen pechados ás viaxes non esenciais. A mellora da situación sanitaria propiciada pola pandemia da covid, a diminución das restricións impostas pola maioría dos países ás viaxes internacionais e o aumento da confianza da poboación son os factores que explican esta evolución.

 

Aínda así, o estudo da OMT reflicte que a recuperación do turismo internacional tardará algo máis en ser plena. Só algúns destinos moi concretos lograron alcanzar xa as cifras visitantes previas á pandemia, mentres que en canto ás rexións, o Sur de Europa e o Caribe son as que ofrecen os mellores datos, pero aínda están ao 75 % dos niveis do 2019.

 

A enquisa realizada entre o Grupo de Expertos da OMT reflicte un aumento do seu optimismo en canto á evolución do sector, sempre que se manteña a dinámica actual en canto á covid e á eliminación de restricións, aínda que a incerteza provocada pola guerra de Ucraína podería facer variar as súas perspectivas. O 56 % dos expertos europeos consideran que a recuperación do turismo internacional neste continente ata os niveis do 2019 producirase o próximo ano, mentres que o 36 % sitúan ese horizonte no 2024.