A entrada en vigor da Lei do Patrimonio Cultural oficializa o Camiño de Inverno

Xunta, entidades locais, asociacións de amigos do Camiño de Santiago e outras autoridades participaron nun acto de recoñecemento do Camiño de Inverno como nova ruta de peregrinación a Compostela, a través da posta en vigor da Lei do Patrimonio Cultural, que oficializa así esta ruta xacobea.

Un acto, no que se descubriu unha placa conmemorativa, serviu tamén como recoñecemento ao traballo de persoas, colectivos e asociacións que fixeron posible este recoñecemento, que contribúe así ao crecemento da historia e o patrimonio do Camiño de Santiago.

Camiño de Inverno
Cabe destacar que o Camiño de Inverno é a única ruta de peregrinación xacobea que atravesa o catro provincias galegas, con especial relevancia nas comarcas de Valedorras e o Deza, xa que discorre en boa parte por concellos do interior como Rodeiro, onde se celebrou o acto conmemorativo.

Esta ruta comeza en Ponferrada e segue a canle natural que marca o río Sil. Cun trazado de 210 quilómetros que discorren polo catro provincias galegas, tras abandonar o Bierzo fai a súa entrada pola comarca de Valdeorras, para despois seguir por Monforte e enlazar coa comarca de Deza, continuando pola Estrada até chegar a Compostela. En total, percorre preto dunha vintena de concellos galegos.

Lei de Patrimonio Cultural
O recoñecemento do Camiño de Inverno é unha das novidades que presenta a Lei de Patrimonio Cultural, unha normativa que, en palabras do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, “ademais de salvagardar os bens patrimoniais, foi feita para dar solucións ás persoas, en colaboración cos concellos”. Deste xeito, é preciso destacar que, con esta nova norma, garántese a máxima protección do patrimonio singular de Galicia, á vez que se axilizan e facilitan os trámites administrativos.