Unha provincia coa diversidade de oferta turística como a de Lugo non podía quedar cunha só lema. Así, se a Deputación de Lugo anunciou a nova campaña promocial baixo a máxima ?Lugo cambia?, a cidade fixo a súa presentación elixindo para este ano a lema “Ven, é Lugo”. Tampouco faltaron as propostas da Mariña Lucense, “máxica por natureza” ou a Ribeira Sacra que este ano “move ficha”.
Así, a campaña Lugo Cambia está centrada en tres conceptos: a diversidade da oferta turística de Lugo, dado que hai moitos mundos por coñecer dentro desta provincia en función da comarca que decidan visitar os turistas; a evolución da provincia e a súa capacidade de adaptación para converter todo ese potencial en factores de desenvolvemento económico e as sensacións que produce vir a Lugo, ademais, de elaborarse cinco vídeos promocionais de Lugo, un por cada Geodestino, e outro máis que engloba a oferta de toda a provincia.
A campaña aposta pola elaboración de paquetes turísticos que inclúan visitas e estancias en lugares cunha oferta tan diferente como A Mariña, a Ribeira Sacra, a Terra Chá ou a comarca da Montaña.
Ven, é Lugo
Neste sentido, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, promocionou a cidade baixo a lema “Ven, é Lugo”, destacando os atractivos patrimoniais e as festas pero con especial interese en destacar a urbe como destino natural e sustentable, cos 10 quilómetros de cinto verde de contorna ao Miño e o Rato, así como as 23 hectáreas de zona verde en pleno centro. Ademais, presentou o video da campaña.
Pola súa banda, o presidente do consorcio de turismo Ribeira Sacra, Luís Fernández Guitián, apostou por un xogo de mesa dirixido especialmente aos escolares. Baixo o slogan “Move ficha pola Ribeira Sacra”, a proposta permitirá introducir nos colexios xornadas amenas para coñecer máis sobre este territorio e valores da zona. O consorcio moverá a campaña nun primeiro momento nos colexios dos vinte e un municipios que forman esta área xeográfica, e nunha fase posteriores ampliaraa a toda Galicia.
Finalmente, a comarca da Mariña lucense acudiu á cita feiral en Madrid cunha aposta xeral sen singularizar un reclamo turístico específico, integrando a diversidade da comarca sen centrarse nun só recurso turístico.