A creación do “Xacobeo Xove”, o reforzo das actividades de promoción e internacionalización do destino Galicia e os avances na consolidación de produtos turísticos foron os principais eixos de actuación do Clúster Turismo de Galicia no último ano, unhas actividades ás que se suman o asesoramento a empresas ou os labores de difusión e implementación da Q de calidade. Así se expuxo durante a Asemblea Xeral do Clúster celebrada na tarde do luns en Santiago de Compostela.
Representantes de entidades, consorcios e asociacións provinciais que representan a máis de 95 por cento da industria turística de Galicia, participaron na reunión do máximo órgano de decisión do Clúster, no que se fixo balance do ano 2022 e expuxéronse as liñas de actuación de 2023.
Durante o pasado ano o Clúster fixo un esforzo no seu labor habitual de promoción, difusión e internacionalización do destino, coa súa presenza e participación en feiras, workshops e eventos, tanto a nivel nacional como internacional, ben organizados polo propio Clúster ou polas Administracións autonómica ou estatal. A nivel de promoción internacional cabe destacar a participación da entidade en eventos celebrados en 11 países diferentes, dando resposta a un dos retos do sector, que é impulsar a atracción do turismo fóra das nosas fronteiras.
Unha das principais novidades de pasado ano foi a posta en marcha do Club de Produto “Galicia Destino Sostible”, unha iniciativa que materializa a aposta do Clúster pola sustentabilidade, integrando nunha única plataforma a oferta turística sostible da Comunidade para poñela en valor e incrementar as súas posibilidades de difusión e comercialización. Conta xa con 74 empresas adheridas e 150 produtos dispoñibles no portal galiciadestinosostible.com e que ofrecen unha ampla variedade de posibilidades.
Ademais, durante o pasado ano avanzouse na consolidación doutros produtos turísticos como “Enoturismo de Galicia” cunha campaña de captación de adegas e da marca “Galicia Destino Familiar”.
As medidas de promoción, difusión da Q de Calidade e o asesoramento para a súa implantación foron outras das actuacións desenvolvidas pola Agrupación industrial durante 2022, ano no que se lograron 28 novas Q en establecementos galegos.
O desenvolvemento da xornada “Boas Prácticas no sector Turístico” grazas a un convenio coa Deputación de Pontevedra, foi outra das actividades destacadas do ano pasado.
Respecto a 2023 a principal novidade é a posta en marcha do Programa “Xacobeo Xove” para impulsar o Camiño entre os máis novos, ofrecendo 200 euros de desconto a mozos e mozas de 18 a 30 anos que teñan o Carné Xove e queiran percorrer algunha dos roteiros do Camiño de Santiago.
Durante este ano a Agrupación industrial seguirá centrando os seus esforzos na promoción, difusión e comercialización do Destino Galicia, apostando pola internacionalización, e seguirá ofrecendo asesoramento para a implantación da Q de calidade e a S de sustentabilidade ás empresas asociadas.