Jesús Picallo anima aos participantes en Turislab a poñer os seus innovadores proxectos ao servizo do futuro do sector

Jesús Picallo anima aos participantes en Turislab a poñer os seus innovadores proxectos ao servizo do futuro do sector

O vicepresidente do Clúster participou no acto inaugural da segunda edición da Aceleradora de startups turísticas da Xunta.

 

A segunda edición da Aceleradora de startups turísticas da Xunta, Turislab, botou a andar de forma oficial o venres 1 de abril co acto de presentación e benvida dos 15 proxectos seleccionados para tomar parte na fase da Pre-Academia do proxecto. E do mesmo xeito que na primeira edición, alí estivo o Clúster Turismo de Galicia, acompañando aos promotores da iniciativa, para celebrar a súa posta en marcha, felicitar aos emprendedores que pasaron o primeiro filtro do proceso de selección e animalos a sacar adiante os seus proxectos para contribuír así ao desenvolvemento do sector turístico galego.

 

Foi Jesús Picallo, o vicepresidente do Clúster, o encargado de representar á entidade no acto presidido pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e de dirixir unhas palabras a todos os presentes. “A innovación e o emprendemento son elementos fundamentais na ecuación do éxito. A innovación achega novos enfoques e solucións á realidade existente e o emprendemento o pulo para afrontar un novo negocio. Ambos son a base da creación de novas empresas, postos de traballo e o motor do crecemento económico. Así que o arranque desta II Edición da Aceleradora de  Startups Turísticas da Xunta de Galicia é unha moi boa noticia para o sector. Desde o Clúster Turismo de Galicia celebramos a promoción do talento porque é un investimento de futuro para o sector e para a comunidade”, explicou Jesús Picallo na súa intervención.

 

O vicepresidente do Clúster apuntou tamén que o apoio aos emprendedores e ás iniciativas tractoras “están entre os principais obxectivos estratéxicos do turismo en Galicia, recollidos no Plan Director Galicia Destino Seguro”, reiterou a importancia da colaboración público-privada e destacou que a Aceleradora permite “sumar novas ideas e novos proxectos que poden ser a semente e iniciativas tractoras para o turismo”. Aos participantes, felicitounos pola súa valentía e desexoulles ánimo para  perseverar e lograr os seus obxectivos. “Na vosa creatividade reside parte do futuro dun sector con gran potencialidade. Tedes unha oportunidade única para facer realidade os vosos proxectos baixo a mentorización dos mellores expertos”.

 

Nesta primeira fase da Aceleradora, a Pre-Academia, participan 15 proxectos que foron seleccionados do total de 117 iniciativas presentadas. Dispoñerán agora dun mes de formación e mentorización para deseñar o seu modelo de negocio, expor a súa viabilidade financeira e traballar no contacto coas empresas tractoras e o ámbito da comunicación. A continuación, o comité de selección escollerá os 10 proxectos que pasarán á parte central do programa, a Academia, que se desenvolverá durante 7 meses, e optarán así aos 80.000 euros en premios. 16 mulleres e 12 homes son os impulsores destes primeiros 15 proxectos da Pre-Academia.

 

Nesta segunda edición de Turislab son 7 as categorías diferenciadas ás que podían concorrer os aspirantes e todas elas están representadas nesta fase. Á de Travel Tech concorren Boldest, Wonder Experience, Viajator e Spot Now; á de Social Tech pertencen Sparelajarse, Turismo Inclusivo Ribeira Sacra e Meet Rural; a de Camiño de Santiago ten dous aspirantes: A Leira 116Xacobus; e outros dous proxectos  pertenencen a Gastro Tech: O Mercado da Pedra e Salmoira. Tamén son dous os proxectos de Infraestructure Track: Hotel Escola e Trick Track, mentres que as categorías de Sustentabilidade e Turismo de Litoral contan cun cada unha: BGreen e Atlantic Surf Galicia, respectivamente.