Galicia suma catro municipios máis á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes

Galicia suma catro municipios máis á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes

A adhesión de Carballeda de Valdeorras, Castrelo de Miño, Oímbra e Vilariño de Conso acaba de ser aprobada pola comisión executiva da entidade.

 

Case seis meses despois das últimas incorporacións, a Rede de Destinos Turísticos Internacionais, que impulsa o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, retomou o proceso de adhesión de novos membros dando entrada a 17 novos integrantes, o que eleva o seu número total a 635, dos que 454 son destinos; 87, membros institucionais; 91, empresas colaboradoras e 3, observadores. E de novo, Galicia destaca entre as comunidades con maior presencia na Rede DTI ao incorporar outros catro municipios máis e superar xa os 80 membros.

 

Os novos representantes galegos son Carballeda de Valdeorras, Castrelo de Miño, Oímbra e Vilariño de Conso, todos eles municipios situados na provincia de Ourense, e a súa adhesión á Rede DTI foi aprobada na reunión da comisión executiva celebrada en días pasados baixo a presidencia da secretaria de Estado de Turismo, Rosana Morillo, e da que forma parte a Deputación de Pontevedra.

 

Na devandita reunión foi aprobada tamén a renovación do protocolo de adhesión á Rede e a modificación do regulamento, e anunciouse ademais que a área privada da súa web dispoñerá dunha nova sección de datos e informes (indicadores de ODS, desprazamento de persoas, vivendas de uso turístico, indicadores municipais…) para “impulsar a cultura do dato en beneficio dunha mellor xestión”.