Galicia reforza a súa presenza no mercado alemán tras a súa participación na ITB Berlín 2025

Galicia reforza a súa presenza no mercado alemán tras a súa participación na ITB Berlín 2025

  • A misión comercial do Clúster estivo conformada por 12 empresas turísticas galegas e pola marca ‘Galicia Destino Sostible’.

 

O sector turístico galego pechou con éxito a súa participación na ITB Berlín 2025, unha das feiras máis importantes do sector a nivel mundial, promocionando a oferta da comunidade ante operadores internacionais.

 

A misión comercial do Clúster Turismo de Galicia (CTG) aterrou na feira cunha comitiva liderada por Cesáreo Pardal, presidente do CTG, xunto ao vicepresidente, Jesús Picallo Santos, o tesoureiro, Alfonso Martínez, o expresidente do Clúster, Francisco González López, e representantes das empresas galegas que participaron na acción (Galiwonders, Rutas Meigas, Tee Travel, Viajes Interrías, Pilgrim, Oca Hoteles, MEGA Mundo Estrella Galicia, Always Spain Incoming, Splainn Travel, Troulanda, Sailway, Autocares Bustelo y Galicia Destino Sostible). A delegación galega tamén contou coa presenza do director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e a deputada de Turismo, Nava Castro Domínguez.

 

Durante o evento, o presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, mantivo un encontro co Ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, no que destacou a importancia dos incentivos fiscais como ferramenta clave para a promoción do Xacobeo 2027.

 

Encontros estratéxicos e novas oportunidades

 

O stand de Turismo de Galicia, situado dentro do espazo de Turespaña, serviu de punto de encontro para que as empresas galegas mantivesen reunións con axentes emisores alemáns interesados en Galicia como destino turístico. Ademais, ‘Galicia Destino Sostible’ aproveitou a cita para fortalecer o seu posicionamento entre operadores especializados en turismo sostible e medios de comunicación que promoven esta tendencia. Pola súa banda, o Clúster Turismo de Galicia atendeu consultas de empresas alemás que mostraron interese en deseñar paquetes turísticos en Galicia, apoiándose nos catálogos promocionais Galicia Travel Agencies e Galicia, un luxo para os teus sentidos.

 

Como parte da axenda, as empresas que o solicitaron prolongaron a súa estancia para participar o xoves 6 de marzo no Speed Networking, unha dinámica de reunións rápidas que lles permitiu contactar con ata nove potenciais socios empresariais, ampliando así as súas oportunidades de colaboración no mercado alemán.

 

Con esta participación na ITB Berlín, Galicia reforza a súa estratexia de internacionalización, consolidando a súa presenza nun dos mercados emisores máis relevantes para a comunidade e reafirmando o seu compromiso cun modelo de turismo sostible e de calidade.