Galicia prepara unha nova edición do bono turístico

O vicepresidente da Xunta anuncia que a exitosa iniciativa posta en marcha conxuntamente co Clúster terá continuación nas próximas semanas.

 

O bono turístico posto en marcha pola Xunta de Galicia e o Clúster Turismo de Galicia para paliar as consecuencias da pandemia da covid sobre o sector turístico e impulsar a súa recuperación foi unha das ferramentas que contribuiron á que a comunidade superase durante o 2021 os seus obxectivos e pechase o exercicio cun balance final de 3,5 millóns de viaxeiros, 8 millóns de noites pasadas e 180.000 compostelas concedidas (40.000 máis das previstas inicialmente).

 

Estes datos e o éxito da iniciativa, avalada polo feito de que os bonos dispoñibles esgotáronse en poucas horas e de que foron empregados case na súa totalidade polos beneficiarios, é o que levou a comezar a traballar xa no lanzamento dunha nova convocatoria. O anuncio realizouno esta mesma semana o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, durante a reunión celebrada en Sanxenxo con representantes e asociados do Clúster Turismo de Galicia para facer balance da tempada turística do 2021 e avanzar as súas expectativas e plans para o exercicio que acaba de comezar.

 

Rueda precisou que a pasada convocatoria do bono turístico foi repartida a través dun total de 12.000 tarxetas que permitiron consumir o 98 % do orzamento. Ademais, lembrou que os usuarios realizaron gastos a maiores dos incluídos nos propios bonos de tal forma que o impacto positivo para o sector foi maior. Así mesmo, destacou que a iniciativa se concentrou nos meses de menor demanda turística, de tal forma que contribuíu tamén á desestacionalización do sector. O presidente do Clúster, Cesáreo  Pardal, coincidiu nese balance positivo, no papel clave que o bono tivo durante a tempada baixa e na importancia de darlle continuidade e aumentar a súa dotación orzamentaria.

 

Con respecto á próxima convocatoria, Rueda explicou que están a concretar as condicións e o modo de desenvolvemento do novo bono turístico co obxectivo de poder presentalo nas próximas semanas.