Galicia Fórum Gastronómico volverá acender os seus fogóns para presumir de cociña

A Coruña recuperará en setembro, despois de dous anos de parón por mor da covid, esta cita que xunta sabores e turismo.

 

Xa comezou a conta atrás para a próxima edición do Galicia Fórum Gastronómico. Despois de dous anos de parón por mor da covid, esta cita de referencia no mundo da gastronomía volverá reunir na Coruña o próximo mes de setembro aos mellores cociñeiros do ámbito galego, nacional e internacional, e permitirá demostrar de novo que esta terra ten moito que ofrecer a quen busca experiencias para gozar co padal.

 

Así o destacaron tanto a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, como o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, no acto de presentación do quinto Galicia Fórum Gastronómico celebrado o pasado xoves no hotel Finisterre da Coruña. Os dous fixeron fincapé na importancia da alianza entre o turismo e a gastronomía para promocionar Galicia e sinalaron como o traballo desenvolvido polos nosos cociñeiros e cociñeiras permitiu convertela xa nun destino de referencia no ámbito estatal e internacional. De feito, a gastronomía é o segundo motivo polo que os turistas veñen a Galicia, sendo só superada polas visitas a lugares de interese turístico.

 

Os días 25, 26 e 27 de setembro son as datas elixidas para a celebración deste quinto Fórum que aspira a revalidar o éxito das pasadas edicións. Na última ata a data, a do ano 2019, os seus 250 expositores e o centenar de relatores que participaron na programación atraeron a atención de máis de 24.000 visitantes.

 

Sete escenarios diferentes repartiranse as actividades da próxima edición: o Auditorio, onde haberá relatorios a cargo de reputados cociñeiros; os Talleres, onde haberá cursos e demostracións para grupos de entre 50 e 60 persoas; o Ágora, que permitirá aos expositores realizar as súas presentacións, demostracións e degustacións; o  FórumLab, punto de encontro para a reflexión ao redor da gastronomía máis avanzada; Cook Trends, o espazo reservado ao colectivo Coruña Cociña; o Craft Beer Festival coas súas cervexas artesás, e o Wine Circus co mercado do viño.

 

A sustentabilidade será outra das grandes protagonistas do Fórum posto que a gastronomía sostible, cos valores que representa, será o gran eixo temático sobre o que versarán todos os relatorios e actividades, segundo explican os seus organizadores.