Galicia contará con dous dos plans de sustentabilidade turística para a Ribeira Sacra e Santiago de Compostela

Galicia contará con dous dos plans de sustentabilidade turística para a Ribeira Sacra e Santiago de Compostela

A Xunta tamén solicitara plans de sustentabilidade para Ourense termal e A Mariña lucense, que non foron aprobados

Galicia contará con dous plans de sustentabilidade turística para a Ribeira Sacra e Santiago de Compostela tras a súa aprobación na Conferencia Sectorial de Turismo celebrada esta semana co Goberno Central a que tamén asistiron representantes do resto de comunidades autónomas e a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto.

Estes plans, que teñen como fin promover accións de promoción nestes destinos e mellorar a súa competitividade, foron unha das medidas acordadas o pasado xuño, na propia Conferencia Sectorial, para reactivar e dinamizar o sector. Dentro desta iniciativa, a Xunta propuxo un total de catro plans: o de Santiago de Compostela e a Ribeira Sacra, que foron aprobados; e outros dous para Ourense Termal ?relativo a distintos concellos da provincia ourensá- e A Mariña Lucense. No entanto, e a pesar da intención do Goberno autonómico de cofinanciar o catro proxectos, o Goberno Central só aprobou dous.

As propostas que presentou a Xunta foron as dos proxectos mellor puntuados dos 15 valorados por Turismo de Galicia, de acordo coa convocatoria desta liña de apoio aos destinos turísticos.

O programa de Plans de sustentabilidade turística divídese en dous tipos, destinados a destinos pioneiros e destinos do medio rural ou do interior. O primeiro destes plans está dirixido a resolver os problemas que presentan os destinos maduros, caracterizados pola súa demanda turística o que ás veces supón sobrecarga urbanística e ambiental, como o caso de Santiago de Compostela; e os segundos, como o da Ribeira Sacra, van dirixidos a espazos con patrimonio cultural, en espazos naturais protexidos ou en zonas costeiras pouco desenvolvidas.

Rueda valorou a aprobación de ambos os proxectos. Por unha banda, o da capital galega, “pensando no Xacobeo” e en “xestionar os fluxos turísticos” que conflúen na cidade; e doutra banda, o da Ribeira Sacra, “para seguir mellorando ese destino e conseguir esa ansiada proclamación como Patrimonio da Humanidade”.